Xunta Directiva e Comisión Delegada reuníanse na FGC coa nova Lei de Caza como principal foco de atención
A sede da Federación Galega de Caza en Santiago acollía o pasado mércores a primeira xuntanza simultánea da súa Xunta Directiva e Comisión Delegada no presente ano. Eran pois varios os puntos a tratar na orde do día, sendo o das alegacións ao anteproxecto da nova Lei de Caza de Galicia o punto estrela.
Comezaba a xuntanza coa procedente lectura da acta da xuntanza anterior e posterior aprobación, e de seguido se daba paso a un avance dos resultados económicos do último exercicio, ao que non houbo obxeccións por parte dos asistentes.
O seguinte punto era dar un breve adianto do calendario de competicións 2012/2013, que se comezaba a configurar nesta xuntanza e no que se profundizará en vindeiras xuntanzas técnicas do Comité de Competicións da FGC.
Daba comezo neste momento o punto principal da xuntanza e que levaría aos asistentes a unha toma de decisións para a presentación final das alegacións da Federación Galega de Caza ao anteproxecto da nova Lei de Caza de Galicia, dado que o prazo de presentación remata o vindeiro 7 de marzo.
Tratábase dun minucioso traballo de recompilación, tratamento, discusión e redacción de todas aquelas propostas e suxestións enviadas á Federación dende sociedades, organizacións, cazadores e todos aqueles colectivos cinexéticos que fixeron chegar as súas alegacións á FGC dentro dos prazos fixados, e da súa posta en común coas propias alegacións da Federación.
Grazas ás decisións tomadas nesta xuntanza, que se extendía durante varias horas, a Federación conta xa cun texto definitivo de alegacións que fará chegar á Consellería de Medio Ambiente nos vindeiros días.