¿Quen é a Federación ?
A Federación Galega e Caza é o organismo que representa e defende os intereses dos cazadores e das sociedades ou asociacións de caza ante as diferentes Administracións e Organismos Públicos e Privados.
A Federación Galega de Caza confórmana tódolos cazadores e sociedades de Caza de Galicia.
¿Que teño que facer para federarme e cal é o carné que me acredita como tal?
Debemos diferenciar un cazador federado a nivel individual dunha sociedade ou asociación de caza, porque os trámites son diferentes en cada caso.
O cazador (individual) para federarse debe dirixirse a calquera sociedade de caza federada –existen na práctica totalidade dos municipios de Galicia- ou á Federación de Caza en calquera das súas oficinas. Basta con aporta-los datos persoais para obte-la licencia federativa, que é o carné que acredita a condición de cazador federado.
A Licenza Federativa ó mesmo tempo é un seguro de danos propios que cubre ao seu titular en accidentes que poida sufrir na práctica da Caza ou actividades deportivas, coas correspondentes indemnizacións e prestacións.
Actualmente, ademais da Licenza Federativa, existen outras variantes de Seguros denominados “Documentos Únicos” que levan incluído ademais da propia licencia federativa un Seguro de danos a terceiros (Seguro de Responsabilidade Civil Obrigatorio do cazador e seguro Voluntario e complementario), e mesmo de Responsabilidade Civil dos cans.
No caso das Sociedades ou asociacións, deben dirixirse en primeira instancia á Federación Provincial que corresponda pola súa ubicación xeográfica. Nas nosas oficinas facilitaráselle todo tipo de información e a documentación necesaria para afiliarse á Federación e inscribirse ao mesmo tempo no Rexistro de Asociacións Deportivas da Xunta de Galicia (modelo de estatutos, impreso de instancias, etc.). O primeiro ano –o ano que causan alta- non teñen que abonar ningunha cota, e nos anos sucesivos deberán satisfacer unha cota anual de 90,00 €uros por sociedade e 0,15 € por socio.
As Sociedades ou asociacións de Cazadores federadas reciben da Federación unha axuda por cada Licenza Federativa ou Documento Único que tramiten. Véxanse coberturas e axudas no informe dos seguros federativos.
¿Qué fai a Federación por min?
- As Sociedades ou asociacións de Caza e os propios cazadores teñen á súa disposición unha ASESORÍA XURÍDICA, a cargo dunha avogada experta en problemas cinexéticos, que os asesora gratuitamente.
- Servizo de tramitación de LICENCIAS DE CAZA a través do que se xestionan as Licenzas de Caza para calquera Comunidade Autónoma do estado
- Tódalas Federacións Provinciais contan cunha Autorización Especial de Telecomunicacións, ofertando así aos seus afiliados un SERVICIO DE LICENZAS DE USO DE EMISORAS, con varios canais de comunicación.
- A ESCOLA DE CAZA realiza periodicamente cursos para a formación de cazadores, directivos de sociedades ou asociacións, e profesionais relacionados coa Caza (Responsables de Tecor, Responsables de Cacería, Lexislación de Caza, Tiradores Expertos, Guías de Axexo, Gardas de Campo de Caza para Tecor, Xornadas de Caza e Comunicación, Prevención de accidentes, etc.). A Escola de Caza é itinerante e tamén realiza anualmente Cursos de formación e reciclaxe de xuíces e árbitros das diferentes disciplinas deportivas, así como Cursos de iniciación ás diferentes modaldiades deportivas.
- Representantes da Federación Galega e Provinciais forman parte dos COMITÉS PROVINCIAIS E GALEGO DE CAZA, defendendo a postura e dereitos de tódolos cazadores, tanto na elaboración das Ordes de Vedas anuais como na resolución de problemas que de cotío se presentan no eido cinexético.
- Desde a Federación tramítanse SEGUROS DE RESPONSABILIDADE CIVIL PARA OS TECORES, buscando a mellor solución e oferta para cada caso concreto, contando cunha Entidade Aseguradora de gran solvencia, adicada unicamente ós Seguros de Caza, (Mutuasport), así como con concertos con outras compañías privadas.
- Infórmase puntualmente ás sociedades da publicación das diferentes ordes de AXUDAS E SUBVENCIÓNS, tanto da Xunta de Galicia como dos Organismos Provinciais, asesorándoas na tramitación das mesmas.
- Mensualmente tódalas Sociedades de Caza reciben, de xeito totalmente gratuíto, a revista GALICIA CINEXÉTICA administrada pola Federación Galega de Caza. Nesta revista poden participar os propios cazadores remitindo artigos, fotografías, consultas, ofertas cinexéticas, etc.
- A FGC conta con OFICINAS FEDERATIVAS EN TÓDALAS PROVINCIAS, ademais da súa sede central en Santiago de Compostela, conectadas a través dunha rede virtual que permite a transmisión de información en tempo real entre as distintas oficinas, todas elas atendidas por persoal altamente cualificado, posibilitando aos cazadores e asociacións realizar calquera trámite ou xestión en calquera das provincias galegas, sen necesidade de acudir á Federación de residencia.
- A Federación dispón da PÁXINA WEB www.federaciongalegadecaza.com, actualizada permanentemente por persoal informático da propia Federación, onde os cibernautas atoparán ámplia información e documentación relacionada con tódolos aspectos cinexéticos e deportivos. Desde ela os cazadores poderán realizar trámites online, remitir consultas ás que se responde desde a propia web, e mesmo participar na sección a túa opinión conta..
- Como alternativa á caza tradicional, existen as COMPETICIÓNS DEPORTIVO-CINEXÉTICAS –competencia exclusiva da Federación- nas que poden participar os deportistas federados, nas diferentes fases (Campionatos Provinciais, Galegos, Semifinais, Campionatos de España e Internacionais) e modalidades (Paxariles, Pecorridos de Caza, Compak Sporting, San Huberto, Cans de Parada-Caza Práctica, Cans de Rastro sobre coello, Rastro de Xabaril, Caza Menor con Can, Arceas, Raposo, Percorridos de Caza con Arco, Caza con Arco ó Voo e Cetraría nas modalidades de Baixo Voo e Sky Trial). Aqueles deportistas que se clasifiquen nos diferentes campionatos provinciais representarán á súa provincia no Campionato Galego, e a selección provincial contará coa inscricións gratuíta. Os concursantes que se clasifiquen nos diferentes Campionatos Galegos acudirán ás Semifinais e Campionatos de España subvencionados pola Federación Galega, e no caso de clasificarse para formar parte da Selección Española participarán nos Campionatos Internacionais (Campionatos de Europa e/ou Campionatos do Mundo) tamén subvencionados.
- Os representantes das sociedades ou asociacións, os cazadores federados, e os xuíces e árbitros, tal e como establecen os vixentes Estatutos federativos, teñen DEREITO A ELIXIR OU SEREN ELIXIDOS PARA OS ÓRGANOS DE GOBERNO E REPRESENTACIÓN DA FEDERACIÓN. Dentro do organigrama federativo (Asemblea Xeral, Comisión Delegada, Presidente, Xunta Directiva, Comisión Executiva, Secretario Xeral, Tesoureiro) existen diversos órganos técnicos e asesores (Comité de Disciplina Deportiva, Comité de Xuíces e Árbitros, etc) entre os que merece especial mención o Comité de Conciliación e Mediación, que ten por obxecto mediar ante conflictos, intentando un achegamento das partes, antes de instruír expedientes disciplinarios.
- A CAMPAÑA COMPARTIR CAZA, pon a disposición dos cazadores a posibilidade de exerce-la caza en diferentes tecores de Galicia a través de tarxetas diarias ou de tempada, para cazadores non socios. Con elo foméntase a mobilidade de cazadores das zoas urbanas, mesmo de fóra de Galicia, ao rural coa correspondente contribución á xeración de recursos, contribuíndo ao mesmo tempo ao desenvolvemento das zoas rurais e ao turismo rural. Para elo, elaborouse unha base de datos na que se recolleron tódalas sociedades de caza que se suman a este proxecto, e que os cazadores, de xeito virtual –a través da páxina web da federación-, poden consultar e busca-la posibilidade que máis se lle achegue.
- A Campaña CAZA SEGURO PARA CAZAR BEN impulsada desde a Federación e coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente pretende a concienciación dos cazadores sobre as necesarias medidas de seguridade na caza. Esta iniciativa reparte chalecos de seguridade “reflectantes” aos cazadores a través das súas respectivas sociedades de caza; así como tablillas sinalizadoras de advertencia “atención cacería”.
- Os ENCONTROS POLA CAZA foi tamén outro dos últimos proxectos levados a cabo, con carácter itinerante por toda Galicia. Os encontros pola caza ten por obxectivo servir de foro de debate e lugar de encontro onde se aborden os temas máis importantes e de maior preocupación para o presente e futuro do deporte cinexético galego. As súas conclusións, consensuadas e compartidas por todo o colectivo, marcarán as pautas a seguir nas futuras actuacións da Federación.
- O OBSERVATORIO DA CAZA ten por finalidade o estudo en xeral de distintos aspectos da caza, e nel participan técnicos e científicos que estudian e evalúan os diferentes aspectos sanitarios e socioeconómicos.
- O observatorio sanitario está a realizar análises da triquinosis nas diferentes especies, así como recollida de animais mortos ou enfermos para coñece-la súa causa.
- O observatorio socioeconómico, está a, acaba de publicar o I ESTUDIO SOCIOECONÓMICO SOBRE A CAZA E O PERFIL DO CAZADOR EN GALICIA, primeiro destas características en toda España.
- A iniciativa CLUBE DE DESCONTOS establece unha rede de establecementos adheridos que ofrecen descontos nos seus productos e servizos aos cazadores federados. Clínica veterinarias, psicotécnicos, armerías, hoteis, tendas de alimentación canina, etc. son algúns dos negocios que xa forman parte desta rede.
- Elaborouse un PLAN DE RECUPERACIÓN DA CAZA MENOR promovido pola Federación Galega de Caza, coa participación de técnicos, investigadores, e federativos, de onde sairon as Bases dun Plan para a Recuperación das poboacións de coello de monte e perdiz rubia de Galicia. O proxecto concluíuse coa edición dun cadernillo e dun DVD explicativo, que pretende servir como ferramenta de axuda para as sociedades de caza.
|