Na proba participaron 70 equipos, un total de 773 persoas entre cazadores, guías e xuíces.
O pasado sábado día 4 de febreiro tivo lugar a novena edición da Copa de España de caza de Raposo, unha das citas raíñas do calendario de competicións da Federación Galega de Caza e un dos eventos máis destacados da caza en Galicia que fai de colofón da tempada de caza menor na comunidade galega.
A proba estivo organizada pola Real Federación Española de Caza e a Federación Galega de Caza contando coa inestimable colaboración da Sociedade de Caza de Altamira, Azor, Castelo de Vitres - Folgoso, Padrón, Porto do Son, Rianxo, Rois e Noia e Lousame que puxeron a disposición da organización máis de 54.000 Ha de terreo cinexético.
Baixo unhas xélidas temperaturas nas primeiras luces do día tivo lugar o sorteo e saída para os cazadeiros das 70 cuadrillas participantes (770 persoas entre cazadores, xuces e guas) nesta novena edición.
Un ceo totalmente despexado permitiu aos cazadores disfrutar da actividade cinexética en toda a súa plenitude, mostra delo foi o avistamento de máis dun centenar de raposos. Insignificante foi a presenza dunha ducia de ecoloxistas que, infrutuosamente, tentaron privar aos cazadores da práctica tolerante e lexítima da caza. Destacar o bo facer dos diferentes axentes da autoridade para que a proba se desenrolase sen incidentes.
As 13:30 horas remataba a competición e os diferentes xefes de cuadrilla acompañados polos xuíces desprazábanse ao control para a análise polo equipo veterinario das pezas abatidas.
Un comedor ateigado con preto dun milleiro de comensais entre cazadores, guías, xuíces, organización e autoridades foi testemuña da entrega de premios no que o equipo Santa María – Rois 3 adxudicouse a Copa España de Caza de Raposo 2012 con 3 raposos abatidos e que lle reportaron un total de 1.500 puntos. Para coñecer os seguintes postos da clasificación xeral, tivo lugar un sorteo entre 7 equipos empatados a 1.000 puntos. A sorte fixo que o equipo pontevedrés Rías Baixas 1 obtivera o subcampionato e o equipo coruñés Os Magníficos, campión da edición anterior, quedase relegado a terceira posición.
