Os participantes non puideron saír ao cazadeiro por mor da néboa
O pasado 26 de novembro tiña lugar no concello lucense de Vilalba o Campionato Provincial de Lugo de Caza de Arceas organizado pola Federación Galega de Caza en Lugo en colaboración coa Sociedade de Cazadores de Río Ladra.
Ata un total de 26 cazadores estaban inscritos nesta edición do campionato provincial que por mor da intensa néboa non se puido disputar. É preciso facer unha mención moi especial a tódolos cazadores inscritos pola deportividade mostrada ao non saír o monte dado as condicións climáticas presentes ao longo de toda a mañá.
Un xantar de amizade no que a néboa non impediu os lances cinexéticos puxo o punto e final desta fase provincial na que a clasificación final se resolveu a través dun sorteo. Foi o cazador Iván Ferreiro Losada o que se aliou coa fortuna e se converteu no Campión Provincial, en segunda posición situouse Antonio Vieites Rodríguez. Completou o podio Cesar Julio Rodríguez Ares.
Francisco Álvarez Rubiños, Juan Carlos Gómez Rodríguez e os tres primeiros clasificados representarán a provincia de Lugo no vindeiro campionato autonómico da especialidade que se disputará o vindeiro sábado día 3 de decembro.