As alegacións presentadas pola FGC foron estudadas, matizadas e finalmente aceptadas.
O Consello Forestal de Galicia presidido polo Conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, acompañado do Director Xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto, e do Subdirector de Recursos Forestais, José Luis Chán, reuníanse hoxe en Santiago de Compostela, con carácter extraordinario, para estuda-lo borrador da nova Lei de Montes de Galicia, buscando o maior consenso entre os diversos sectores afectados.
A Federación Galega de Caza, representada polo seu presidente, Javier Nogueira, tamén estaba presente nesta convocatoria, na que o Consello deu o visto e prace ao borrador unha vez recollidas, entre outras, as emendas presentadas polo ente federativo ao proxecto da Lei de Montes. A Federación logrou introducir matizacións e modificacións específicas en relación coa actividade cinexética.
O primeiro borrador contemplaba o cambio da actividade forestal a agrícola pero o texto actual matiza precisamente que se poderán realizar, previa autorización dos propietarios do terreos e da Administración, o cambio da actividade forestal a agrícola matizando co fin de mellora-lo hábitat das especies cinexéticas.
O artigo referente aos servizos do monte establecía que para poder celebrar actos deportivos, con afluencia de público indeterminado, fose precisa a autorización da Administración Forestal, co cal os campionatos e eventos deportivos que organiza a FGC ademais de contar co preceptivo permiso da Dirección Xeral de Conservación da Natureza como ben sendo habitual, debería contar tamén co da Dirección Xeral de Montes; a este respecto a proposta da Federación, que pedía simplifica-los trámites burocráticos, a nova redacción establece que na celebración de actos relacionados coa caza ou pesca fluvial, as autorizacións serán competencia do órgano competente en materia de conservación da natureza.
O artigo 98, relativo ás pistas forestais, fóra da rede de estradas, limitaba a circulación con vehículos a motor ás servidumes de paso, non pudendo facelo en actitude deportiva, o que tamén afectaría á caza dado que os cazadores para achegarse ao cazadoiro precisan na maioría dos casos trasladarse en vehículo. Neste senso o novo proxecto recolle tamén a alegación federativa, e unicamente limita a circulación con vehículos a motor cando esta se realice en actitude de condución deportiva. O mesmo artigo establecía que cando se celebrasen eventos culturais e deportivos alleos á propiedade, onde se producise un aumento excesivo de usuarios, fora preceptiva a autorizacións expresa dos titulares dos terreos; a FGC entendía, e así o propuxo á Consellería, que os tecores, onde se desenvolve a actividade cinexética ou se disputan competicións derivadas da mesma, están constituídos en base á cesión dos dereitos cinexéticos que realizaron no seu momento os titulares dos terreos, e pedía que se suprimise a nova autorización dos propietarios para realizar actividades ou eventos; o novo texto exclúe a autorización expresa dos titulares dos terreos no caso de actos relacionados coa caza e traslada a competencia nesta materia a Conservación da Natureza, órgano do que dependen os tecores de Galicia.
E por último, dicir que a Disposición derradeira primeira do Borrador da nova Lei de Montes, que modifica o artigo 31 da Lei de Incendios, limitaba o aproveitamento cinexética nas ZAR (zonas de alto risco de incendios), cando o IRIDI (índice de alto risco de incendios) fora moi alto ou extremo. A proposta da FGC o novo borrador establece que o disposto no artigo 31 da Lei de incendios non se aplicará en ningún caso aos predios rústicos de réxime cinexético especial, permitíndose por tanto a actividade cinexética nos terreos cinexéticamente ordenados, entre outros. Neste senso, convén destacar que esta modificación leva consigo a posibilidade de realizar ganchos, monterías, adestramento de cans, e calquera outra actividade cinexética durante os meses de estío, o que sería imposible de non ter sido modificada a anterior redacción.
O Presidente da FGC, aproveitou a xuntanza para agradecer e destaca-la actitude da Consellería, en especial da Dirección Xeral de Montes, no desenvolvemento da redacción do borrador da Lei, mesmo abrindo unha segunda rolda de consultas á vista de que na primeira non se obtivo o consenso social esperado; tamén destacou a forma de participación por mesas sectoriais resultando máis operativa que as xuntanzas entre sectores tan diversos, sendo labor da propia Consellería coordinar as distintas achegas e reflectilas no propio borrador.