Volver ao inicio
Inicio Calendario Buscar Contacto

Novas
Imprimir
DANOS CAUSADOS POR ESPECIES
Os cazadores non son únicos responsables do problema, nin tampouco da solución
27/10/2011

Sen dúbida a especie cinexética que copa máis titulares nos xornais da nosa comunidade é o xabaril. O porco bravo, que ven de experimentar un enorme crecemento poboacional nos últimos tempos debido aos cambios no hábitat, nos cultivos e na sociedade en conxunto, converteuse en involuntario protagonista e abandeirado dunha conflitividade que se puxo en especial releve nos últimos anos: os danos producidos pola caza maior en cultivos e en estradas.

Este aumento exponencial de especies cinexéticas de caza maior causou un aumento correlativo do número de afeccionados a esta modalidade de caza, historicamente minoritaria nunha Galicia onde primaban os cazadores solitarios de pelo e pluma. Son cada ano máis os practicantes da caza maior, e non cabe dúbida de que os cazadores formamos parte desta circunstancia social e ambiental, máis non necesariamente os motivadores. E por iso non debemos cargar con todo o peso das consecuencias que poida acarear a terceiros.

As leis vixentes están ambientadas nunha realidade caduca, que non reflicte nin comprende a evolución da sociedade rural ao longo das últimas décadas nin a realidade social da caza en Galicia, e argumenta que calquera incidente causado por especies cinexéticas ven motivado pola actuación dos cazadores e polo tanto esta responsabilidade debe pesar directamente nos aproveitadores do terreo: os Tecores; e por ende as Sociedades de Caza titulares dos mesmos.

Os danos xerados polas especies cinexéticas non son consecuencia directa da caza, senón da propia existencia de ditos animais, e polo tanto son un problema de todo o conxunto da sociedade. Se desaparecesen os Tecores nos territorios máis castigados polos danos, estes non se solucionarían, polo contrario, agravaríanse ata chegar a unha situación insostible. Os cazadores son un elemento esencial para a regulación das especies, mais non poden ser os únicos responsables das súas consecuencias. Non somos os xeradores do problema, máis ben uns minimizadores do mesmo.

Socialmente urxe polo tanto unha revisión lexislativa profunda e inequívoca que non sinale co dedo ao colectivo cinexético sen unha análise obxectiva previa. Neste senso, a Federación Galega de Caza a nivel autonómico e a Real Federación Española de Caza no estatal traballan día a día para promover un texto legal máis xusto e de acordo cos tempos nos que nos atopamos.

A solución aos danos, como se ven demostrando, está en boa parte ligada á actividade regulada e organizada da caza, a través de actuacións estritamente planeadas mediante criterios racionais. Cada territorio e cada especie requiren dun plantexamento específico. Trátase de analizar cada caso no seu contexto e elaborar un plan de actuación personalizado.

Outra medida primordial é a prevención, unha tarefa que debe levarse a cabo entre todos aqueles con intereses no medio rural: agricultores, administración e cazadores. A cooperación de todos os implicados nesta situación, en lugar de sinalarse uns a outros, será imprescindible para sanear un problema que de xeito directo ou indirecto atinxe a toda a sociedade e non inxustamente aos que disfrutamos, coidamos e regulamos de xeito sostible os nosos montes.

Javier Nogueira Diz
Presidente da Federación Galega de Caza

 

 
Ver máis novas de
Competicións Federación Eventos Lexislación Medio Rural / Forestal
 
Máis novas nesta categoría

ASEMBLEA XERAL - CURSOS FORMACIÓN
02/12/2024
Unanimidade nos acordos da Asemblea Xeral e entrega dos Diplomas dos Cursos de Formación

MUTUASPORT - ARTEMISAN - RFEC
29/11/2024
Os cazadores federados invirten na defensa da caza e conservación das aves migratorias

AFECTADOS DANA
11/11/2024
Os cazadores españois doan 24.000€ aos afectados pola DANA

PROXECTO ARCEA
21/10/2024
Gran aportación dos cazadores galegos para o censo das arceas


Federación Galega de Caza  
Estadio Vero Boquete de San Lázaro, Porta 12 - 15707 Santiago de Compostela (A Coruña)  
Tlf: 981 562 777 / Fax: 981 562 779 / federacion @ federaciongalegadecaza.com 
Aviso legal | Política de privacidade | RSS | Mapa da web         © Federación Galega de Caza