Durante a mañá de hoxe, a Comisión de Caza da Federación Galega de Caza encabezada polo seu presidente, Javier Nogueira, era recibida polos responsables da Consellería do Medio Rural, a fronte dos que se atopaba o Director Xeral de Conservación, Ricardo García-Borregón. No decurso da xuntanza tratáronse diversos temas entre os que cabe salientar os relacionados coa nova lei de caza de Galicia, e cos danos que está a produci-la fauna cinexética nos cultivos.
A última hora da mañá os representantes federativos eran recibidos polo Subdirector Xeral de Deportes, Carlos Gómez, para trata-lo proxecto deportivo da federación de cara a establece-lo convenio de colaboración para o vindeiro ano entre ámbolos-dous organismos. No decurso da entrevista o presidente federativo explicáballe ao responsable do deporte galego a importancia da Caza non só a nivel deportivo ou social, senón tamén como unha actividade puxante dentro da economía galega, principalmente entre a economía rural, ao tempo que o informaba do calendario deportivo –cando remate o ano levaranse disputado en Galicia 86 campionatos oficiais- e dos 18 títulos nacionais (cinco medallas de ouro ou primeiros postos; tres de prata; tres de bronce; cinco cuartos e dous quintos postos) que levaban acadado, no que vai de ano, os deportistas da selección galega a falta de disputarse nos próximos meses cinco campionatos de España nos que os deportistas cinexéticos galegos contan con moitas posibilidades.