Déronse cita 52 tiradores
O pasado día 8 de maio disputábase no campo de tiro de As Fronteiriñas-Figueiró, pertencente ao concello de Tomiño, a XXV edición do Campionato Provincial de Percorridos de Caza baixo a organización da Federación Galega de Caza.
A dito campionato, disputado sobre 100 pratos, acudiron un total de 52 tiradores, actuando como Director da proba José Antonio Pena Fernández e baixo o arbitraxe de Moisés Balboa Pereira, José Carrera Rodríguez, Cesar Tosar González e Casimiro Ucha Pena.
Na categoría xeral absoluta e sénior, e cun total de 81 pratos escachados, o pontevedrés Juan Carlos Costas Pereira acadaba o primeiro converténdose deste xeito no novo Campión Provincial da modalidade. Con tres pratos menos, 78 escachados, acadaba o subcampionato o tirador Martín Baqueiro Villafines. Despois de ter que recorrer a un desempate, foi Juan Garrido Amoedo o que completou o podio con 76 pratos escachados.
Na categoría xuvenil, Manuel Garrido Brito, con 73 pratos derribados, upouse ao primeiro posto.
Xa na categoría de veteranos, con 73 pratos escachados, situábase no máis alto o tirador Jaime Vilas Pereira.
Na categoría de donas, gañaba Eva Blanco Rodríguez con 35 pratos derribados e en superveteranos José Costas Iglesias con 54 pratos tamén se situaba no primeiro posto.