Volver ao inicio
Inicio Calendario Buscar Contacto

Novas
Imprimir
DESPEDIDA
Moitas gracias, e boa caza
25/1/2011

José María Gómez Cortón
Ex-Presidente da Federación Galega de Caza

Xa rematou o proceso electoral na Federación Galega de Caza e prodúcese un feito de normalidade democrática, o relevo na presidencia da FGC.

Non hai máis razóns na miña retirada que o cumprimento do compromiso adquirido hai catro anos, cando accedín á presidencia, de non volver concorrer nas eleccións. Con esta decisión tento reforzar os principios democráticos nos que creo, promovendo a incorporación de novas persoas ao goberno federativo e tratando de favorecer en primeira persoa esa renovación. Tamén porque penso honradamente que non se debe permanecer nestas responsabilidades cando un xa non poida adicar o seu tempo e as súas capacidades, coa intensidade requerida.

Quero manifestar con claridade o meu fervoroso desexo de acerto para o novo equipo directivo da Federación e o seu Presidente.

A través destas liñas quero expresar o meu afecto a algunhas persoas, das moitas que tiven ocasión de coñecer e tratar como consecuencia dos cargos que exercín. Máis alá da coincidencia ou discrepancia, nos distintos temas e momentos, gardo un recordo especial de aquelas nas que puiden estimar lealdade, compromiso, mesura, honestidade e nobreza entre as súas cualidades.

Aos cazadores galegos quero transmitirlles o meu saúdo fraternal, e a miña gratitude por terme dado a oportunidade de desenrolar diferentes tarefas na representación cinexética, que compartín con outras moitas persoas, coas que tiven a sensación de formar un equipo cun alto grado de implicación e compromiso. Pretendemos buscar sempre o mellor para o noso colectivo, tendo como referente a caza social, capaz de integrar tamén os novos valores do noso tempo, e así defendela con raciocinio e con paixón, tratando de salvagardar o substantivo, pero entendendo que ninguén está en posesión da razón absoluta, nin sequera os cazadores.

Sempre pensei que entre as persoas non se deben fomentar conflitos innecesarios nin artificiais, e así tratei de avivar o moito que nos une aos cazadores e non facer bandeira das pequenas cousas que nos poidan separar, aínda considerando lexítima tal discrepancia. Así quixen escoitar a todo o mundo e ser a voz de todos, sen ser altavoz de ninguén.

Nunca busquei inimigos na vida, e tampouco no mundo cinexético, tan só vin como adversarios a aqueles que o eran dos cazadores e a caza. Lembro neste momento a sentencia daquel carpinteiro que no seu leito de morte dicía: “A todos pido perdón, e a todos perdoo, menos aos nós da madeira”. Fago miñas as súas palabras e concibo os “nós cinexéticos” como aqueles que usaron a caza e as cuestións ambientais para algún escuro beneficio persoal, ou como proxectil, sen importarlles os efectos directos ou colaterais que tiveran as súas actuacións nas persoas ou nos colectivos.

Debo recoñecer que adiquei moito tempo e esforzo a esta institución, tempo que tiven que descontar da miña vida familiar, as veces da profesional e case sempre das xornadas de cazador. Pero non é menos certo, que recibín moitas satisfaccións, no ámbito persoal, que de non ser pola caza non tería descuberto. Teño, polo tanto, unha enorme débeda de gratitude coa miña familia, que agardo ser capaz de recompensar, sempre que conte coa sua benevolencia, e sexan capaces de condonarme partes moi importantes de tempos pasados, que nunca poderemos recuperar.

Auséntome con esa sensación tan pracenteira do deber cumprido, e co empeño de recuperar espazos familiares e fraternais adormecidos nos últimos anos, froito da miña dedicación á actividade federativa, e coa lexítima aspiración de disfrutar máis intensamente da caza, sobre todo cos meus amigos e compañeiros cinexéticos de Fonsagrada aos que tanto aprecio e cos que puiden disfrutar moi pouco estes anos. É posible que aínda existan outros paraísos, e tal vez poida explorar algúns, pero serei perseverante nun que coñezo ben e me apaixona, e no que agardo atoparvos a moitos, o paraíso cinexético.

 

 
Ver máis novas de
Competicións Federación Eventos Lexislación Medio Rural / Forestal
 
Máis novas nesta categoría

ASEMBLEA XERAL - CURSOS FORMACIÓN
02/12/2024
Unanimidade nos acordos da Asemblea Xeral e entrega dos Diplomas dos Cursos de Formación

MUTUASPORT - ARTEMISAN - RFEC
29/11/2024
Os cazadores federados invirten na defensa da caza e conservación das aves migratorias

AFECTADOS DANA
11/11/2024
Os cazadores españois doan 24.000€ aos afectados pola DANA

PROXECTO ARCEA
21/10/2024
Gran aportación dos cazadores galegos para o censo das arceas


Federación Galega de Caza  
Estadio Vero Boquete de San Lázaro, Porta 12 - 15707 Santiago de Compostela (A Coruña)  
Tlf: 981 562 777 / Fax: 981 562 779 / federacion @ federaciongalegadecaza.com 
Aviso legal | Política de privacidade | RSS | Mapa da web         © Federación Galega de Caza