O pasado fin de semana disputábase nos campos de tiro Rio Sar (Vilouchada-Trazo) e Pedra Facha (Niveiro-Val do Dubra) a final co Campionato de España de Percorridos de Caza con pratos, puntuable para a Copa do Mundo Gran Prix, na que competían 312 tiradores de tódalas comunidades autónomas do Estado, e mesmo estranxeiros -Portugal, Suiza, EEUU e México, entroutros-.
A organización correu a cargo da Federación Galega de Caza e da SD Rio Sar por delegación da Real Federación Española de Caza.
Os actos comezaban o xoves día 1 coa recepción oficial de participantes. No acto de inauguración estiveron presentes ademais do presidente da Real Federación Española de Caza, o presidente da Federación Galega de Caza, o presidente da SD Rio Sar e o Coronel Xefe da Comandancia da Garda Civil da Coruña, entroutras autoridades. A competición oficial que arrancaba o venres dábase por rematada o domingo entorno ás 12 horas, tras enfrontarse cada tirador a 200 pratos de arcilla; arredor das 15 horas o presidente da Real Federación Española de Caza daba por clausurado o campionato.
Campión de España foi o tirador de A Rioxa, Diego Martínez con 177 pratos escachados. Segundo foi o andaluz Antonio Montes, con 176 pratos, e terceiro o valenciano Félix Soldado, tamén con 176 pratos.
Na categoría de superveteranos, o galego de Ferrol, Anxo Mosquera, proclamábase campión absoluto da categoría, e medalla de ouro do Gran Premio Fitasc, con 148 pratos.
O Premio Especial Handisport foi para outro galego, o pontés, Artermio Formoso con 122 pratos.
En xuvenís, campión foi o valenciano José Julián Moreno con 164 pratos, mentres que o vigués Manuel Garrido Brito acadaba a oitava posición da categoría con 136 pratos escachados.
Na clasificación por Equipos Autonómicos, primeiro foi a Comunidade Valenciana con 695 pratos, mentres que o Equipo da Comunidade Galega, integrado polos tiradores Diego Antelo, Antonio Iglesias, Anxo Mosquera e David Seoane, quedaba de oitavo con 596 pratos.
En veteranos, primeiro e campión con 160 pratos foi Juan Gardeazabal de Euskadi, mentres que o baionés Jaime Vilas quedaba 15º con 131 pratos.
En Donas, campiona foi Beatriz Laparra de Castilla La Mancha, con 162 pratos.
Ademais dos resultados anteriores, cabe sinala-la actuación dos tiradores galegos de segunda e terceira categoría sénior. En terceira categoría Emilio Mesonero (Narón), Martín Baqueiro (Baiona) e Daniel Cebreiro (Santiago), con 148, 146 e 144 pratos, respectivamente, quedaban quinto, sexto e sétimo; mentres que en segunda categoría os tiradores galegos de O Rosal, José Antonio Vasconcellos, e Francisco Javier Rivero, quedaba 10º e 11º, respectivamente, con 141 pratos.