Os vindeiros dias 5, 6 e 7 de Marzo no Pabellón de Cristal do recinto da Casa de Campo de Madrid, celébrase a XII edición da “Feria Internacional de la Caza y las Armas (FICAAR)”.
Este ano entre os 14.000 m2 de exposición terá un oco, por primeira vez, a Federación Galega de Caza. Neste encontro de carácter internacional, a Federación, no stand 127, terá unha mostra dos proxectos, traballos e campañas desenrolados nos últimos anos en Galicia por esta institución.
O visitante poderá ollar a revista “Galicia Cinexética”, así como publicacións da FGC adicadas a especies tan emblemáticas como o coello, o raposo e o corzo, nas cales refléxanse importantes aspectos, tanto biolóxicos como cinexéticos.
Así mesmo, informarase do desenrolo de campañas tan importantes como: “Compartir Caza” ou “Caza Seguro”, amosando o material divulgativo elaborado para as mesmas. Por outra banda, quen decidan achegarse ao stand da FGC recibirán información detallada dos traballos desenrolados a través do “Observatorio da Caza”, que nas suas diversas vertentes aporta estudos moi interesantes como poden ser: o “Estudo Socioeconómico da Caza en Galicia”, a “Sanidade das Especies Cinexéticas en Galicia” ou a elaboración do “Mapa Xenético do Coello de Monte en Galicia”, entre outros.
Mención especial merece o traballo “Bases para a recuperación das poboacións de caza menor en Galicia”, que polo seu interese a Federación divulgou en formato texto e a través dun DVD, que tamén estará a disposición dos visitantes. Dentro deste proxecto de recuperación da caza menor, terá un apartado específico a recuperación do coello de monte. A cría en semiliberdade, como parte dunha xestión integral da especie, que se está a levar a cabo nalgúns territorios de Galicia, focalízase a través duns paneis que representan o traballo levado a cabo pola Sociedade de Caza de Portas (Pontevedra), pioneira e prototipo deste tipo de xestión.