XXVII Campionato Provincial de Ourense de Caza de Arceas
No Tecor de Xinzo de Limia tiña lugar, o pasado 20 de xaneiro, a edición número XXVII do Campionato Provincial de Ourense de Caza de Arceas. Unha proba que contou coa organización da Federación provincial de Ourense de caza e coa colaboración da Sociedade de Cazadores de dito terreo cinexético.
Ás 9:00 horas arrincaba a fase provincial na que cans e cazadores tentaron dar caza ás esquivas e impredecibles picudas. Non houbo os avistamentos desexados pero si foi unha xornada cinexética chea de lances e deportividade.
O cazador Jaime Pintos Davila coa setter inglés de nome “Hidra de Pasarín” foi o campión provincial con 500 puntos. Coa mesma puntuación pero xa en segunda posición remataba Alfonso García Rodríguez que participou coa cadela “Jara”. O bronce foi para o cazador Mikel Álvarez Soriano que parcipou co setter “Wall”.
A selección de Ourense para o vindeiro Autonómico da especialidade quedou comformado polo podio máis os cazadores Jose Luis Méndez Tesouro e Silverio Vázquez Mosquera.
Este Campionato Provincial contou co patrocinio da Secretaría Xeral para o Deporte, Arion e Mutuasport.