XXIX Campionato Provincial de Pontevedra de Cans de Rastro modalidade Coello
Con 17 lotes participantes desputábase, nos terreos do Tecor Santa Bárbara das Neves - Arbo, o Campionato Provincial de Pontevedra de Cans de Rastro modalidade Coello.
O campionato, celebrado o pasado 9 de setembro, contou coa organización da Federación Galega de Caza en Pontevedra e coa colaboración da Sociedade de Cazadores do mencionado terreo cinexético.
A proba foi dirixida por José Manuel Martínez e actuaron como xuíces: José Carlos Arousa, Ramón Collazo, José Alonso e Óscar Esparís.
O cazador Alfonso Rey Baulde coas cadelas Fousa, Xesta, Fosta e Fara resultou campión cunha puntuación de 546 puntos. A prata foi para Julio González Souto cos cans Tilín, Perla, Pere e Linda cun total de 500 puntos. O campión da pasada edición, Víctor Casqueiro Casqueiro, obtiña o terceiro posto con Branca, Perla, Toxa e Pancho e un total de 480 puntos.
A cadela Fousa, propiedade do campión Alfonso Rey, obtiña o galardón de Mellor Can da Proba con 142 puntos.
A clausura do campionato foi presidida polo presidente da FGC de Pontevedra, Paco Couselo, e estiveron presentes as seguintes autoridades: o Alcalde das Neves, José Manuel Alfonso, a súa concelleira de deportes, Ana Belén Durán, o Presidente da Sociedade de Cazadores Santa Bárbara, Odón Regueira e o Tesoureiro, José Carlos Abreu, e tamén asistiu o incombustible Tito Couñago.
Este Campionato contou coa colaboración de Pensos Bichoucos e co patrocinio da Secretaría Xeral para o Deporte e Mutuasport.