Chega setembro e a Escola de Caza tamén abre as súas portas para acoller, un ano máis, ós cazadores federados nos seus Cursos de Formación
Como cada ano, a Federación Galega de Caza activa a súa aula virtual da Escola de Caza para convocar os cursos de Formación de Caza, en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
Os cursos están dirixidos a directivos das sociedades de caza, responsables de cazarías, xestores cinexéticos, gardería, administrativos e, por suposto, a cazadores en xeral que desexen adquirir coñecementos tan importantes no eido da formación de responsables de sociedades de caza, seguridade na práctica cinexética, enfermidades da fauna cinexética e a manipulación no consumo de carne de caza e a xestión dos residuos non comestibles.
Os cursos estarán dispoñibles no campus virtual da FGC, as 24 horas do día e os 7 días da semana, desde o día 2 ata o día 27 de outubro. Durante este período os alumnos poderán conectarse á formación dende calquera punto de Galicia e nas datas e horarios que máis se adapten ás súas necesidades.
Cazador, non perdas esta oportunidade de coñecer as entrañas da xestión interna e administrativa dunha sociedade de caza. Se para ti a seguridade na caza é o primeiro e non queres levar sustos no monte adquire coñecementos sobre os primeiros auxilios que poden salvar vidas a compañeiros. Rematada a xornada de caza temos que facer un aproveitamento das pezas abatidas polo que inscribíndote a este Curso de Formación saberás facer un correcto manexo da carne de caza para o seu consumo seguro.
A matrícula é aberta e gratuíta, formalizarase enviando a escola@federaciongalegadecaza.com o boletín de matrícula dispoñible na web escoladecaza.gal ou en calquera das sedes da FGC. O prazo de matrícula remata o 20 de setembro.