Campionato Provincial de Pontevedra de Caza de Raposo
O pasado sábado, 21 de xaneiro, en Moraña, desputouse a fase provincial pontevedresa de caza de raposo que contou coa organización da Federación Galega de Caza en Pontevedra e ca colaboración das Sociedades de Cazadores.
Foi esta a edición número XXVIII que contou coa participación de 20 equipos destacando a deportividade e os lances raposeiros durante as 5 horas que durou a proba. Rafa Prol, como membro do xurado de competición, e José Manuel Martínez como Director da Proba destacaron o bo facer e discorrer das cuadrillas e da xornada cinexética.
Foi o equipo “Salnés 2” o que obtivo a maior puntuación con 1.500 puntos e proclamouse campión provincial. A segunda cuadrilla clasificada foi “Rodeiro I” que obtivo unha puntuación de 1000 puntos. Coa mesma puntuación pero xa en terceira posición remataba o equipo “Cuerpo a Tierra”.
Un xantar de irmandade e a entrega de trofeos puxo o punto e final a este campionato, non sen antes ser clausurado polas autoridades alí presentes, entre as que se atopaba José Cela, alcalde de Moraña e Francisco Couselo presidente da FGC en Pontevedra.
Esta proba contou coa colaboración de Pensos Bichoucos e co patrocinio da Secretaría Xeral para o Deporte e Mutuasport.