As Consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; Medio Rural; e Sanidade, en colaboración coa Federación Galega de Caza, veñen de ofertar a primeira edición do Curso de persoa cazadora con formación, organizado pola Escola Galega de Saúde Pública, que se desenvolverá o día 14 de outubro de 2022 no salón de actos da Consellería de Sanidade, en Santiago de Compostela.
O obxectivo do curso é obter a credencial como persoa cazadora con formación, mediante a acreditación dos coñecementos para realizar o control in situ, sanitario e de hixiene das pezas de caza silvestres abatidas para seren destinadas ao consumo humano, así como do control de subprodutos animais non destinados ao consumo humano e de sanidade animal, na práctica cinexética de caza maior, establecidos na normativa de aplicación (Regulamento (CE) nº 853/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril de 2004, polo que se establecen normas específicas de hixiene dos alimentos de orixe animal e Real Decreto 50/2018, do 2 de febreiro, polo que se desenvolven as normas de control de subprodutos animais non destinados ao consumo humano e de sanidade animal, na práctica cinexética de caza maior).
Este curso de persoa cazadora con formación, que agora se vai a ofertar a través da Escola Galega de Saúde Pública, vén de cumprir cos requirimentos da normativa europea, nacional e autonómica.
Os contidos do curso inclúen catro módulos que se desenvolverán ao longo de sete horas, co que se pretende sensibilizar as persoas cazadoras sobre a importancia que ten a súa actuación desde o punto de vista da seguridade alimentaria, da sanidade animal e da sustentabilidade ambiental.
Coa superación deste curso, a persoa cazadora formada estará habilitada para facer o primeiro exame da peza abatida, distinguindo se esta e as súas vísceras teñen un aspecto normal, ou pola contra, presentan anormalidades que poden xerar dúbidas da posible inocuidade da carne.
Unhas boas prácticas á hora do manexo das pezas de caza non só protexerá á persoa cazadora formada senón que vai a favorecer a seguridade alimentaria da carne para consumo humano. Por último, esta actividade vai a aumentar a formación específica en sanidade animal das persoas cazadoras, incidindo en que os brotes de enfermidades tamén poderían ter un impacto negativo no medio ambiente e na sanidade animal en animais domésticos e fauna silvestre, non só polos problemas de eliminación dos subprodutos, senón, tamén, polas súas consecuencias para a biodiversidade.
Esta é a primeira actividade organizada pola Escola Galega de Saúde Pública para colectivos diferentes do persoal sanitario, cumprindo así cun dos obxectivos da Escola, como é o fomento da formación en materia de saúde pública na sociedade. O número de prazas ofertadas nesta primeira edición é de 50, e, en función da acollida, valorarase a realización doutras edicións nas diferentes provincias co obxectivo de que todas as persoas cazadoras podan acceder a esta formación.
Os requisitos para a inscrición neste curso, que comenzou o prazo o 21 de setembro e remata o 7 de outubro, son estar empadroado en Galicia e ter a licenza de caza en vigor no momento da inscrición no curso.
A inscrición realizarase cubrindo o formulario que aparece no seguinte enlace web e a selección será por riguroso orde de inscrición.
Pódese consultar o programa do curso así coma outra información de interese na seguinte páxina web: https://www.sergas.gal/Saude-publica/EGSP-curso-caza.
Dende a Federación Galega de Caza acóllese de xeito satisfactorio que esta primeira edición do curso “Persoa cazadora con formación” vexa a luz en vindeiras datas. Un traballo conxunto da FGC coas diferentes Consellerías da o froito dun curso moi demandado polos cazadores galegos. É por iso que a entidade federativa agradece a implicación da Xunta de Galicia na realización e posta en marcha deste curso que agardamos se poida celebrar en tódalas provincias en futuras edicións.