XXXV Campionato Provincial de Pontevedra de Percorridos de Caza
O pasado 26 de xuño, desputábase a proba provincial de Pontevedra de Percorridos de Caza na que o tirador Daniel Domínguez Treinta confirmou o seu gran estado de forma acadando a marca de 90 pratos escachados e proclamándose como campión absoluto e novo campión provincial.
Esta proba contou coa organización da Federación Galega de Caza en Pontevedra e a esencial colaboración do Clube de Tiro Fronteiriñas e Clube de Tiro Eido Dalbo.
Os 60 tiradores enfrontáronse a 100 pratos que constaban de traxectorías técnicas e de distancias variadas e diversar que puxeron en máxima tensión ás mellores escopetas de tiro do panorama autonómico.
Foi o tirador Daniel Domínguez Treinta o que remataba o percorrido cun total de 90 pratos escachados e acadaba deste xeito o primeiro posto da clasificación xeral. A prata foi para Francisco Javier Rivero Martínez que rematou a un so prato de Domínguez. O ata ese día actual campión provincial, Roberto Rodríguez Fernández, era o terceiro clasificado con 87 pratos.
Na categoría Senior o mellor clasificado foi Francisco Javier Rivero Martínez cun total de 89 pratos. Con 84 pratos pero en segunda posición remataba Manuel García Pombo. O terceiro caixón do podio era ocupado por Cristino Mera Román con 82 pratos.
En Veteranos o tirador campión era Gabino Villamor Vázquez cun total de 80 pratos, en Xuveniles impoñíase Rubén Vicente López con 40 pratos e na categoría de Máster o mellor clasificado era Ángel Vidal Conde con 73 arxilas.
Este Campionato contou co patrocinio da Secretaría Xeral para o Deporte e Mutuasport.