Campionato Provincial de San Huberto e Trofeo Cidade de Lugo de Cans de Parada
O monte do Cristo eran os terreos elexidos pola federación lucense de caza para a celebración, o pasado 29 de maio, do seu campionato provincial de Lugo de San Huberto e o Trofeo Cidade de Lugo de Cans de Parada.
Uns terreos cedidos pola Sociedade de Caza San Nicolás colaboradora en todas as actividades desta edición XXV da Festa da Caza de Lugo.
O Campionato Provincial de Lugo de San Huberto deu como gañador ao cazador lucense René Vale García como campión absoluto e tamén campión provincial co setter inglés macho “Suayper” e 68 puntos. O segundo posto era para Roberto González Arias co bretón de nome “Ciclón” e o bronce para Camilo Taboada Piñeiro co setter inglés macho de nome “Roy”.
No tocante ao Trofeo Cidade de Lugo de Cans de Parada temos que destacar, na categoría de Británicos, o primeiro posto acadado pola setter inglés de nome “Berta de Vilar de Donas” conducida por José María Carnota Ríos cunha calificación de 1º EXC. O setter inglés macho de nome “Bono da Brisa da Ría” de Eloy Rodríguez Martínez acadaba un 2ºMB.
En Continentais o primeiro posto era para o braco alemán de nome “Oscar de la Judería” de Vicente Cortes cunha calificación de 1ºEXC.
Estes campionatos contaron co patrocinio da Secretaría Xeral para o Deporte, Arion e Mutuasport.