Na mañá de hoxe, luns día 4 de abril, tivo lugar a xuntanza do Comité Galego de Caza, cuxos acordos servirán de base para confeccionar a “Resolución de Vedas” que regula os períodos hábiles de caza das distintas especies cinexéticas para a vindeira tempada de caza 2022/2023. Un Comité que tamén foi un punto de encontro para o análise da situación actual da caza e tamén de acollida ás diferentes propostas presentadas pola Federación Galega de Caza.
O Comité estivo composto polos diferentes representantes dos cazadores galegos e das sociedades de caza, entre os que se atopaban os catro presidentes provinciais da Federación Galega de Caza, e todos eles encabezados polo presidente da FGC, Javier Nogueira Diz; así como representantes da administración autonómica e a Directora Xeral de Conservación da Natureza, Belén do Campo.
A FGC amosouse satisfeita pola boa acollida que tiveron, por parte da Administración, as diferentes propostas presentadas en prol da caza, dos cazadores e das sociedades de caza, entre as que destacamos as seguintes:
- Exención de pago da licencia de caza dos menores de 18 e maiores de 65 anos: Neste punto destacar a disposición avanzada da Administración para acadar a consonancia da licencia de caza coa de pesca e que esta exención sexa unha realidade o máis pronto posible. A FGC é optimista en acadar esta proposta federativa e que sexa realidade unha vez supere no tempo as diferentes fases de tramitación e aprobación.
- Dinaminazación da caza do corzo en asexo
- Dar solución á situación do análise da carne de caza para unha posta en valor da mesma e un consumo con óptimas garantías sanitarias.
- Plan xeral para a xestión, recuperación e conservación do coello de monte e perdiz vermella.
- Ampliación e axilización de axudas ás Sociedades de Caza para o fomento da riqueza e xestión de recursos cinexéticos.
A FGC agarda que estas propostas rematen en bo porto e que a Administración as faga realidade porque darán un pulo e posta en valor á actividade cinexética, ao rural e a biodiversidade galega.
A Consellería tamén informou da presentación de alegacións ao Anteproxecto da Lei de Protección e Benestar Animal anunciado polo Goberno central. Feito que agradeceu o ente federativo e que todo indica a que ditas alegacións van en concordancia coas presentadas pola FGC a través da Real Federación Española de Caza.
Rematado o Comité todo apunta a que serán mínimas as modificacións da vindeira Orde de Vedas con respecto ao exercicio cinexético anterior no tocante ás modalidades e aos periodos hábiles de caza das diferentes especies cinexéticas.
Queda todo emprazado para que sexa a Consellería do Medio Ambiente a que fixe, coa publicación da Resolución de Vedas, as regras que rexerán a práctica cinexética na nosa comunidade na vindeira tempada.