No día de onte, 14 de xullo, o presidente da Federación Galega de Caza, Javier Nogueira, mantiña unha xuntanza coa Conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e coa Directora Xeral de Patrimonio Natural, Belén Do Campo. No transcurso da mesma tivo lugar, ao igual que nos derradeiros anos, a firma do convenio de colaboración entre ambas entidades para a divulgación e a difusión da actividade cinexética. Unha aposta firme pola formación e información que cada día se fai máis precisa para cazadores e sociedades de caza.
Foi o xabaril o eixo central desta reunión durante a cal o presidente federativo trasladoulle á Conselleira a máxima preocupación na que se atopan as sociedades de caza pola responsabilidade dos danos desta especie no agro galego. Un problema que nestas derradeiras semanas está afectando especialmente a diferentes sociedades de caza e que nos vindeiros meses, coa maduración do millo, se pode incrementar. “As sociedades de caza son mitigadoras do problema e a súa precariedade económica fai imposible afrontar ditas reclamacións de danos” en verbas de Javier Nogueira. Ángeles Vázquez manifestou a magnitude do problema e a súa complexa solución cando os danos do xabaril no campo e nas estradas afectan, non so a Galicia, se non ao resto de España e a outros países europeos.
Javier Nogueira solicitou á Dirección Xeral os datos e a localización comarcal onde os avisos por danos son máis acusados, para así poder anticiparse e tomar as medidas administrativas e cinexéticas precisas. Lei de Caza, Fondo de Corresponsabilidade ou a tasación dos danos foron outros dos puntos abordados no transcurso da xuntanza.
O presidente federativo rematou agradecendo o diálogo constructivo e a colaboración da Consellería de Medio Ambiente e Dirección Xeral, sendo conscientes da problemática dos danos e da situación a que se enfrontan os acoutados galegos Ámbalas duas partes coincidiron que a solución pasa por un entendemento e colaboración entre todas as partes afectadas.