Campionato Provincial de A Coruña de Percorridos de Caza
O tirador Antonio Iglesias Otero retornaba a senda dos bos resultados aos que nos tiña acostumado o tirador coruñés acadando o primeiro posto do campionato provincial de A Coruña de Percorridos de Caza.
Un campionato celebrado o pasado domingo 9 de maio no Campo de Tiro Río Sar baixo a organización da Federación Galega de Caza en A Coruña e contando coa colaboración da Sociedade Deportiva Río Sar, sendo puntuable para a Copa Galicia.
Unhas previsións climáticas complexas para a práctica do tiro, non amedrentaron aos preto de 60 tiradores que se inscribiron neste campionato provincial e se enfrotaron aos 100 pratos de fermosas traxectorias dos que constaba a tirada.
O campión da Clasificación Xeral e campión provincial foi Antonio Iglesias Otero cun total de 93 pratos escachados. En segunda posición remataba Juan Manuel Carou Rey con 90 pratos. Con 89 pratos e a medalla de bronce era para Daniel Cebreiro García.
Na categoría Senior o campión da proba era Antonio Fernández Roman con 84 pratos namentras que o campión provincial era Fernando Sánchez Mancebo con tamén 84 pratos.
En Veteranos o primeiro posto era para Antonio Castro Ferreiro con 78 pratos e na categoría de Máster o campión era, novamente, Ángel Mosquera Rodríguez con 67 pratos.
Este Campionato Provincial contou co patrocinio da Secretaría Xeral para o Deporte, Mutuasport e coa colaboración de Solognac.