Ademais, o pasado 14 de outubro a FGC reiteraba ante a Xunta de Galicia a súa petición de declarar a caza como actividade esencial en Galicia, condición que non se da actualmente en ningunha comunidade autónoma de España.
Seguen os traballos dentro da Federación e coa administración para facilitar a práctica e os desprazamentos relacionados coa actividade cinexética a tódolos cazadores federados, dentro dos terreos cinexéticos para os que contan coa pertinente autorización, sempre mantendo as debidas precaucións hixiénico sanitarias recollidas nos protocolos elaborados pola propia FGC e os dispostos polas autoridades sanitarias.
A Federación coñece e entende a preocupación e o malestar do colectivo cinexético polos impedimentos que a actual situación excepcional impón ao deporte da caza, e por iso segue a traballar diariamente para que esta situación mellore. Neste sentido, nas próximas horas, activarase o Protocolo FISICOVID tamén para a práctica da actividade deportivo cinexética non competitiva polo que as restricións á mobilidade e ás restricións de persoas non será de aplicación para o caso da práctica do deporte federado.
Igualmente dende a FGC estase a facer un enorme esforzo humano e técnico para manterse permanente alerta a tódalas publicacións lexislativas que se están a facer estes dias con carácter diario e así manter actualizados constantemente os protocolos e a información sobre restricións para a práctica da caza que se están a impoñer na nosa comunidade, sempre coa intención de que os cazadores saiban en todo momento onde e de que xeito poden levar a cabo a súa actividade.
Non obstante, cabe salientar que esta situación non é única no territorio galego, pois a caza segue sen considerarse actividade esencial en ningunha comunidade autónoma, salvo a excepcionalidade establecida para as cidades asturianas de Xixón, Avilés e Oviedo para que os seus habitantes poidan saír a cazar dentro da súa comunidade.
En calquera caso, a Federación fai un chamamento a tódolos cazadores para que extremen as precaucións e realicen os desprazamentos aos seus lugares de práctica do deporte cinexético priorizando sempre o benestar sanitario de toda a sociedade.