A Federación Galega de Caza na Coruña puxo en coñecemento das autoridades a comisión duns feitos de carácter grave que se veñen sucedendo dende fai meses na comarca Ferrolterra, especialmente nos concellos de Narón, Ferrol, Valdoviño, Cedeira e limítrofes, e dos que tivo coñecemento a través de multitude de queixas dos cazadores, das sociedades de caza e de persoas alleas á actividade cinexética.
Nas queixas recibidas ponse en coñecemento da FGC en A Coruña que por parte dun grupo organizado de persoas, que nada teñen que ver co colectivo de cazadores, agricultores ou gandeiros, estanse a realizar actos graves de furtivismo, disparándose sobre pezas de caza de noite, utilizando armas sen documentar, valéndose de vehículos ou de maquinaria agrícola, e mesmo disparando nas inmediacións de núcleos urbáns ou zonas de especial protección nas que está absolutamente prohibido o exercicio da caza. Tamén se fixo chegar a FGC coruñesa a preocupación que existe entre os afectados pola actitude destas persoas que mesmo chegan a ameazar e alardear das suas accións.