XI Copa Federación de Cans de Rastro sobre Xabaril Salvaxe sen Morte na modalidade Xauría
O pasado 25 de maio desputouse nos concellos de Ortigueira, Cedeira, Cerdido, Cariño e Mañón, a XI Copa Federación de Cans de Rastro sobre Xabaril Salvaxe sen Morte, na modalidade de Xauría, organizado pola Federación Galega de Caza en A Coruña e coa colaboración das Sociedades de Cazadores de Ortegal, Mañón e Eixil.
Ortigueira xa non so é un campionato de cans de rastro, Ortigueira é a proba raiña dos monteiros do Norte peninsular.
Nesta edición participaron un total de 24 equipos con cadanseu lote de cans compostos por 6 cans e ata tres conductores, aquí é onde a organización, ano tras ano, lamenta non poder dar plaza a tódolos lotes preinscritos, tendo que quedar fora da participación moitos monteiros. Destacar o enorme peso organizativo no que interviñeron máis de 130 rastreadores, xuíces e guías que puxeron a disposición dos participantes máis de 70 rastros de xabaril nas 24 manchas dispoñibles, descartando, como é lóxico, os rastros de femias de xabaril seguido das súas crías.
Os participantes dispuxeron dun pequeno tempo para facer unha comprobación de rastro previo a traela ou no seu caso o rexeitar ese rastro e empregar outro facilitado pola organización. Unha vez feita dita comprobación, tería lugar a solta dos cans no que estes dispoñían de 2 horas para facer o achegamento, levante e persecución do xabaril salvaxe.
A proba foi, como en edicións anteriores, todo un éxito e os xuíces encargados de xulgar a proba, contabilizaron un sen fin de levantes de xabaril e avistamentos que fixeron as ledicias do numeroso público que seguiu o discorrer desta proba. Un público que en cada edición achégase en maior número para gozar da calidade dos cans e monteiros que participan nesta proba pioneira. Resaltar que a boa climatoloxía durante a xornada quixo aliarse á proba favorecende o bo resultado da mesma e case facéndose pleno de levantes de xabaril por parte da totalidade dos lotes participantes, un exemplo do nivel de traballo e implicación dos rastreadores que fixeron un traballo extraordinario previo a competición e nas primeiras luces da xornada.
Foi o lote do galego Luís Mantiñán Pan, o que acadaba o primeiro posto e se convertía no campión desta edición da XI Copa Federación de Cans de Rastro sobre Xabaril Salvaxe sen Morte participando cun lote de brunos de xura de nomes “Narco, Loko, Tanque, Lewis, Fino e Mina”.
O campión da edición anterior, David Iglesias Lorenzo estivo a piques de revalidar o título acadado o ano pasado. Nesta ocasión Iglesias Lorenzo acadou a prata que amosou o bo facer do seu lote de cans mestizos de nomes “Crooss, Dama, Laika, Pinto, Rol e Chata”.
O asturiano Manuel Garcí Granda, sempre presente nesta proba e conseguindo o primeiro posto en varias ocasións, obtivo o terceiro posto cos seus griffóns azuis de nomes “Jonas, Tres, Jara, Irati, Lote e Malva”.
Facemos mención a clasificación dos seguintes lotes:
4º.- Alejandro Couso Rosario con “Lima, Mia, Morfeo, Fuerte, Narco e Momo”
5º.- Luis Felipe Martínez Moyano “Rumba, Simba, Icu, Obama, Tango e Tarzán”
6º.- Antonio Castro Fernández “Polvora, Sol, Prin, Cros, Selva e Rambo”
7º.- Pedro Seijo González “Chispa, Gol, Figo, Arco, Coba e Pirata”
8º.- Manuel Pego Correa “Kiko, Tarzán, Pinto, Gitano, Chispa e Zeus”
9º.- Francisco Rivera Ramil “Luna, Gines, Kiwi, Rey, Zipi e Pinto”
10º.- Arturo López González “Apolo, Tirso, Rufino, Lili, Elsa e Sena”
O can de nome “Tarzan” pertencente o lote presentado polo cántabro Luis Felipe Martínez Moyano foi o can que obtivo unha mención especial polo traballo realizado durante a proba. Os cans “Apolo” e “Momo” propiedade de Arturo Álvarez González e Alejandro Couso Rosario, repectivamente, tamén obtiveron o seu recoñecemento polo bo facer no rastrexo, demanda, desencame e seguimento do xabaril.
Pechábase a xornada cun xantar de irmandade con case 350 asistentes que ateigaban a carpa onde se levou a cabo a entrega de premios e clausura do acto. Unha clausura na que interviron as diferentes autoridades e das que destacamos as palabras de José María Álvarez Villar, presidente da FGC en A Coruña, facendo un agradecemento especial ao anterior presidente da FGC en A Coruña, Manuel Saa, o cal é o verdadeiro artifice desta proba e a cal sempre terá o apoio incondicional da FGC de A Coruña.
Rematou Ortigueira 2019 pero xa comezan os traballos para Ortigueira 2020.