Unha das probas con máis arraigo da Federación Galega de Caza tivo lugar no Tecor Riberas do Tambre o pasado sábado 3 de novembro, nada menos que a XXXIII edición do Campionato Galego de Caza Menor.
Coa organización da FGC e a colaboración da Sociedade de Cazadores Riberas do Tambre e o concello de Oroso (A Coruña) desputábase esta fase final do Autonómico de Caza Menor ó cal acudían un total de 22 participantes clasificados nos seus respectivos campionatos provinciais máis o campión da edición anterior.
Unha xornada de caza mais na que os cazadores desfrutaron duns terreos cinexéticos moi ben xestionados e nos que se traballou durante meses para que este campionato fose un éxito.
Unha vez que se deu a saída dos participantes e xuíces en dirección ó cazadeiro, poucos minutos pasaran cando xa se escoitaban os primeiros lances da xornada. Foron moitos os avistamentos de caza e ata 32 pezas se entregaron en control por parte dos 18 dos 22 cazadores participantes. Números que amosan o éxito cinexético da proba.
Foi o pontevedrés Javier Calvo Simois coa cadela setter inglés “Lola” o que obtivo o título autonómico ao chegar ó control con 3 capturas que lle outorgarían un total de 1.575 puntos e a conseguinte medalla e placa de Campión Galego. A prata era tamén para o pontevedrés José Antonio Vasconcellos Vicente que co setter “Mimo” obtivo 1.375 puntos. O cazador ourensán José Carlos Otero Pérez acadaba o terceiro posto do podio coa cadela setter “Luna de Lobada” e 1.300 puntos.
No acto de clausura interviron as autoridades alí presentes entre os que se atopaba, entre outros, o alcalde do concello de Oroso, Manuel Mirás, e o presidente da Federación Galega de Caza, Javier Nogueira Diz, que fixo unha mención especial o enorme esforzo e colaboración que tanto dende o concello de Oroso como dende a Directiva do Tecor Riberas do Tambre se realizou para que este campionato fose tan fructífero en termos cinexéticos e sociais.
Estes tres primeiros cazadores clasificados representarán a nosa comunidade na vindeira Semifinal do Nacional de Caza Menor con Can.