Esta semana celebrábase unha xuntanza en Santiago de Compostela á que acudiron una ampla representación de Federacións Deportivas Galegas para tratar asuntos comúns que lles preocupan.
As federacións denuncian o pouco peso específico que ten o deporte en Galicia nos orzamentos aprobados recentemente polo Parlamento Autonómico. Cun teito histórico de 9063 millóns de euros, o executivo galego só destina 19,2 millóns ao deporte galego, incluídos, entre outros, os 2,8 millóns para a Universidade da Coruña e os 1,89 millóns para a Fundación Deporte Galego. Este porcentaxe do 0,22% é ínfimo e moi por debaixo da relevancia social da práctica deportiva e do impacto económico e saudable do propio sector.
Dáse a circunstancia de que Galicia está á cabeza da obesidade infantil en España, o que “non sorprende” aos dirixentes deportivos cando se coñecen os datos dos orzamentos.
Durante os últimos 8 anos os orzamentos do deporte galego pasaron de 41,2 millóns de euros a 19,2 millóns na actualidade, algo que retrata a triste realidade da actual situación.
As federacións deportivas galegas, a pesares do teito orzamental de mais de nove mil millóns da Xunta de Galicia, non recuperaron o nivel das subvencións conveniadas pola Secretaría Xeral para o Deporte e atópanse na actualidade ao 67% da partida respectiva de fai tan só seis anos. Esta grave situación pon en perigo, incluso, o desenvolvemento das función públicas delegadas pola propia administración autonómica ás federacións.
A Xunta de Galicia, a pesares do recoñecemento que fixo á figura da UFEDEGA (Unión de Federacións Deportivas Galegas) o ano pasado na Lei do Deporte de Galicia, non concede ningunha subvención a este organismo, ao contrario que as comunidades autónomas que a teñen recoñecida á similar (Cataluña, Pais Vasco, Andalucía, Madrid, Castella e León… etc). Isto agrava moito mais a situación das federacións deportivas galegas asociadas que atopan nesta figura unha axuda para xestionar temas de interese común e abaratar custos, aparte de supoñer unha ferramenta útil ao propio deporte galego.
As federacións solicitarán ao presidente da Xunta de Galicia e aos diferentes grupos políticos parlamentarios, maior apoio real ao deporte galego. Asemade, pedirán á Secretaría Xeral para o Deporte que faga públicas nos vindeiros días as puntuacións respectivas por apartados dos baremos dos convenios do ano 2017 que inda non se asinaron, provocando un gran retraso e preocupación.
Asemade, supón unha paradoxa que a Xunta de Galicia, a través da Lei do Deporte, obrigue as federacións a aprobar os orzamentos dun exercicio económico, durante o último trimestre do ano anterior, cando a estas alturas da tempada as federacións inda non coñecen as cuantías das subvencións.