Campionato Provincial de Pontevedra de Caza Menor con Can
O pasado sábado 29 de outubro disputouse nos terreos do Tecor pontevedrés de Silleda, o Campionato Provincial de Pontevedra de Caza Menor con Can organizado pola Federación Galega de Caza en Pontevedra en colaboración coa Sociedade de Cazadores de Silleda.
O campionato transcorreu sen imprevistos pero baixo unhas condicións de moita calor que dificultaron e lastraron os avistamentos e capturas apesares de que o terreo dispoñía de caza para que se produciran máis lances.
Foi o cazador Cristóbal Cacheda Chouza o que co seu can “Ramiro” obtivo o primeiro posto ao chegar ao control con un coello que á postre lle serviría para ser o novo campión provincial con 350 puntos. En segunda posición, e cun pombo, remataba Adrián Martínez Villasenín coa súa cadela “Zara” e 150 puntos. En terceira posición, e xa por sorteo, remataba Juan José del Río Solla coa podenca “Reina”.
No tradicional xantar de irmandade tivo lugar a entrega de premios por parte das autoridades alí presentes entre as que se atopaban directivos da FGC en Pontevedra e da Sociedade de Caza de Silleda.
Acudirán ao Campionato Autonómico da especialidade en representación da provincia de Pontevedra, os tres primeiros clasificados citados anteriormente mais os seguintes cazadores: Iván Moure González, Diego Rodríguez Otero e Julio González Soto, este último por ser o actual campión galego da especialidade.