Con motivo das próximas Eleccións Autonómicas, a Federación Galega de Caza (FGC) ven de por en marcha a campaña “E de caza que?”, coa que se pretende coñecer a opinión e as perspectivas dos diferentes grupos políticos sobre a Caza en Galicia.
Unha das accións desta campaña era poñerse en contacto cos diferentes grupos parlamentarios para convidalos a unha xuntanza aberta cos cazadores para así coñecer a súa postura sobre a actividade cinexética e tamén o seu programa electoral sobre esta actividade.
A FGC remitiu a comezos do mes de agosto unha carta a tódolos grupos parlamentarios, poñéndoos en coñecemento desta campaña e convidándoos a formar parte dela. Rematado o mes, só tres dos cinco grupos parlamentarios responderon a esta chamada: PP, PSOE e o Grupo Mixto.
No obstante, e dada a actual disolución das cortes debido ao proceso electoral, estas respostas foron meramente de trámite e quedaron a expensas dunha resposta por parte da dirección do partido –no caso do PSOE- e da realización dunhas primarias do partido político En Marea –no caso do Grupo Mixto-. Nin AGE nin BNG responderon sequera á mensaxe da FGC.
A campaña “E de caza que?” seguirá activa ao longo das vindeiras semanas toda vez se intensifique a actividade electoral na nosa comunidade, co fin de trasladar as cuestións cinexéticas ao debate político.