A Xunta ven de presentar hoxe en Ourense un ambicioso plan de loita contra os danos que provoca o xabaril, co obxectivo de previr e minimizar os danos que causa esta especie na comunidade autónoma, ao tempo que se preserva a conservación destes animais.
As conselleiras de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, e de Infraestruturas e Vivenda, xunto coa directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias, presentaron hoxe o Plan de acción global contra os danos ocasionados polo xabaril; acto no que tamén estivo presente a Federación Galega de Caza que é membro activo do grupo de traballo do Plan de Xestión Integral do Xabaril en Galicia.
Os danos que produce o xabaril, tanto na seguridade viaria como nos cultivos, é un tema complexo, con numerosas particularidades (tipo e distribución de cultivos, orografía, rede viaria, etc.), polo tanto tamén a súa prevención e control son complexos e requiren do esforzo de tódolos sectores implicados (cazadores, agricultores, administración, etc). Sería un despropósito tratar de responsabilizar aos cazadores dos danos que ocasiona a especie na agricultura, do mesmo xeito que sería unha insensatez pretender que o agricultor teña que soporta-los danos en solitario. Os cazadores non son os que xeran o problema, ao contrario, son os que tratan de mitigalo pero para elo faise necesario que o resto dos sectores implicados, sobre todo os agricultores e a Administración participen activa e decididamente no seu control.
Na prevención dos danos a cultivos é moi importante unha boa xestión da caza que garanta o aproveitamento da especie de xeito razoable, realizando a extracción dos cupos establecidos e garantindo o desenvolvemento sostible da especie sen prexuízo da biodiversidade, pero tamén é necesario o establecemento de medidas de prevención axeitadas por parte dos agricultores: pastores eléctricos, cultivo de parcelas con alimento alternativo, colocación de material disuasorio ou repelente para os xabarís en puntos sensibles, etc.
En canto aos accidentes de tráfico por atropelo de especies cinexéticas, se ben a xestión das especies é importante, non o é menos o mantemento das estradas, unha sinalización adecuada, os pasos de fauna, e mesmo a información e educación dos condutores.
O ambicioso plan que ven de presentar a Xunta, abrangue catro liñas de actuación (accidentes de tráfico, danos producidos na agricultura, xestión e aproveitamento da especie, e educación e formación), e conta cunha dotación inicial de ao redor de 1,3 millóns de euros, sendo fundamental para a súa execución a colaboración e implicación da Federación Galega de Caza en coordinación con tódolos axentes implicados.
Desde a FGC recoñécese o esforzo que está a facer a Xunta con este primeiro Plan de acción a nivel autonómico, para tratar de compensa-los danos provocados polo xabaril en Galicia, ao tempo que se espera que teña continuidade nos vindeiros anos.