Co fin de analizar e establecer as achegas que presentará ao recente Anteproxecto de Lei de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia, a Federación Galega de Caza reunía onte na súa sede en Santiago de Compostela a algúns dos seus principais expertos en cans, así como de outras especies afectadas por este anteproxecto, como as aves de cetraría.
Na xuntanza, na que tamén tomaban parte o Presidente da FGC, representantes das catro federacións provinciais e a Asesora Xurídica da Federación, analizáronse e debulláronse as achegas formuladas polos propios membros desta comisión, así como as recibidas por parte de cazadores, sociedades e outros colectivos afectados por este texto, que fixeron chegar as súas inquedanzas e suxestións á Federación.
As principais achegas faranse aos artigos que establecen as obrigas dos propietarios e posuidores dos animais, das prohibicións de determinadas condutas, do transporte, da regulamentación das canceiras, da identificación e rexistro dos cans, da aves de cetraría, das infraccións e sancións, e do silencio administrativo, entre outros temas que tamén se trataron na xuntanza.
Nos vindeiros días a FGC fará chegar á Dirección Xeral de Conservación da Natureza, entidade tramitadora deste anteproxecto, as súas achegas.