Apenas un 7% dos cazadores teñen menos de 31 anos.
Galicia perdeu entre os anos 1987 e 2014 o 50% dos cazadores –de 94.067 pasou a 46.591-, e o 35% dos que practican a caza superan os 60 anos mentres que apenas un 7% son menores de 31 anos.
A FGC, consciente do problema de relevo xeracional, ven de crear na asemblea celebrada no pasado mes de decembro o colectivo Xuventudes pola Caza, ao que se adscriben os cazadores federados menores de 31 anos.
Xuventudes pola Caza nace co obxecto de promover e divulgar a caza, e tódalas actividades relacionadas con ela ou coa práctica das distintas especialidades deportivas tuteladas pola FGC, entre os máis mozos.
Nos próximos días a Xunta Directiva da FGC designará á Comisión de Xuventudes que estará integrada por un mínimo de catro membros, e que actuará como órgano técnico e asesor da Federación, coordinando tódalas actividades encamiñadas aos máis mozos. Entre as súas funcións, cabe subliñar as seguintes:
- Fomentar –entre os máis novos- a figura do cazador como ecoloxista, amante da natureza, e defensor do medio natural.
- Promocionar –entre a xuventude- a caza como deporte saudable, que se desenvolve nun entorno ao aire libre en contacto coa natureza.
- Divulgar –entre os mozos- a caza como unha actividade sostible, e como elemento de conservación e recuperación dos ecosistemas.
- Impulsar actividades encamiñadas ao relevo xeracional.
- Elevar proposta á xunta directiva da FGC para fomentar, a través da educación e da formación, as boas prácticas cinexéticas entre a xuventude.
- Asesorar á FGC en todo aquilo referente á xuventude en materia de caza
Na sección de Xuventudes, nesta páxina web, poderá consultarse toda a información e actividades dirixidas a este colectivo.