Na xornada de onte os representantes da Federación Galega de Caza (FGC), reuníanse no Parlamento de Galicia cos representantes parlamentarios de AGE, PSdeG-PSOE, BNG e Grupo Mixto –o pasado día 16 facíano cos Populares- aos que lle manifestaron a súa oposición á proposición de Lei do BNG pola que se pretende modifica-la Lei de Caza de Galicia para prohibi-lo uso do cartucho con perdigón de chumbo.
A nova Lei de Caza de Galicia, entrou en vigor en xaneiro de 2014, e con apenas un ano de vida –a proposición de lei foi admitida a trámite en febreiro do 2015- o Parlamento de Galicia pretende a súa modificación co único obxecto de prohibi-lo uso de munición de chumbo, discriminando aos cazadores galegos respecto dos seus compañeiros españois e europeos; pois ata nos países máis comprometidos coa protección medioambiental, como poden ser Noruega ou Finlandia, voltaron a permiti-lo seu uso.
A comisión federativa trasladoulle aos representantes dos Grupos Parlamentarios que, de seguir adiante esta proposición, a FGC oporase a esta medida, que considera precipitada, desinformada, e carente dunha base científica sólida para ser levada a cabo; e fixéronlle entrega aos representantes políticos dun informe científico, elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela sobre “O chumbo na munición de caza”.
Os representantes dos cazadores galegos, consideran que a prohibición do perdigón cargado con chumbo non debe partir dun goberno autonómico, porque causaría un desaxuste lexislativo, contradicindo as medidas e estándares a nivel europeo e mesmo mundial, e abocando ao cazador galego a unha situación de illamento respecto aos do resto do país.