Xa son tres as ocasións nas que, en menos de un ano, a Federación Galega de Caza ven de impugnar o proceso electoral da Real Federación Española de Caza (RFEC), que continúa estendéndose dende 2012, debido a que o seu actual Presidente, Andrés Gutiérrez, segue a desoír as resolucións do Tribunal Administrativo del Deporte (TAD), incumprindo repetidamente as obrigas necesarias para que o proceso se axuste á lei.
Repasando a cronoloxía, a Audiencia Nacional ordenou repetir, mediante sentencia do 23 de maio de 2014, o proceso electoral inicial, o cal, tras una nova convocatoria a finais de 2014 que foi anulada mediante resolución do TAD do 16 de xaneiro de 2015 por non utilizar o censo de 2012, volve agora a iniciarse, cunha convocatoria nos mesmos termos á xa anulada, desobedecendo o que lle ten ordenado o Tribunal. Este, na súa última resolución de 31 de xullo de 2015, advírtelle á RFEC que con esta nova convocatoria electoral volve a incumprir as súas resolucións e a sentencia da Audiencia Nacional, comportamento que sen dúbida -engade o Tribunal- fana acredora dun procedemento disciplinario ao tratarse dun incumprimento reiterado e unha burla ás citadas resolucións e aos órganos que as ditan.