O máximo representante do Goberno na comunidade galega, Santiago Villanueva, recibía esta mañá na Coruña a unha representación da Federación Galega de Caza, encabezada polo seu Presidente, para poñer de novo en coñecemento da Delegación do Goberno varios temas que preocupan ao colectivo de cazadores galegos e que atinxen a este organismo, como representación do Goberno central.
O Presidente Javier Nogueira estivo acompañado do Vicepresidente da FGC, José Luis Valcárcel, o Secretario Xeral, Ramón Rodríguez Cobas, o Vicepresidente da FGC na Coruña, José Andrés Freire, o Presidente da FGC en Ourense, Antonio García Reinoso e o Presidente da FGC en Pontevedra, Francisco Couselo.
Os temas a tratar nesta xuntanza estaban todos relacionados coas armas: o uso do “pinganillo”, a revogación da licenza de armas por antecedentes ou a custodia das mesmas.
No referente ao primeiro punto, a Delegación segue facendo constar unha interpretación semellante á do ano pasado, dando prioridade á Lei de Caza de Galicia, xa que o feito se da durante unha acción de caza.
No que respecta á revogación da licenza de armas por antecedentes, a Federación propúxolle á Delegación do Goberno que, antes de proceder á esta actuación se estude cada caso concreto en lugar de actuar de xeito automático, revisando o tipo de antecedentes que conlevarían a esta denegación. Neste caso o Delegado do Goberno amosou a súa implicación e comprometeuse a debullar caso por caso e obrar en consecuencia con cada un deles.
Finalmente, a Federación puxo sobre a mesa outro tema que preocupa ao colectivo de cazadores, e é o referente á custodia de armas, na que actualmente se está actuando dun xeito moi rigoroso. Ambas partes avogaron neste punto pola aplicación do sentido común, estimando que só sería sancionable unha actitude de desidia e irresponsabilidade no comportamento do titular das mesmas, non sendo de cumprimento premisas certamente difíciles ou mesmo imposibles de levar a cabo.
Nesta xuntanza, que transcorreu baixo un ton de cordialidade, o Delegado do Goberno amosou a dispoñibilidade e actitude de entendemento dos representantes do Goberno en Galicia, os cales se amosaron preocupados polos diferentes temas que expuxo a Federación, e en disposición de arranxalos, polo que dende a FGC agárdase que finalmente estas cuestións deixen de ser un problema para os cazadores galegos.