Campionato Galego de Cans de Rastro sobre Coello
O pasado sábado 27 de setembro disputouse a fase final do Campionato Galego de Cans de Rastro sobre Coello organizado pola Federación Galega de Caza en colaboración coa Sociedade de Cazadores do Tecor “Sancan” de A Coruña.
Foi este Tecor “Sancan”, sito no concello coruñés de A Baña, o escenario desta XXIV edición do Campionato Galego de Cans de Rastro sobre coello. Unha xornada marcada pola climatoloxía favorable e que fixo gozar do campionato tanto a público como a participantes, cans e organización.
Actuaron como xuíces José Moure Caneda, José Montoiro González e Jaime Villaverde Balado, e como xuíces auxiliares Emilio Bolaño Pampin, Oscar Esparís Agra e Oscar Miguel Caamaño Parada.
Destacou o lote propiedade de Carlos Casas Cambón composto polos cans “Eros, Ela, Tula e San” adxudicándose o título de Campión Galego con 585 puntos. Con 509 puntos, o subcampionato era para José Pais Serrano cos cans “Gus, Rotvailer, Inu e Masio”. Os cans “Mica, Usa, Aton e Aldo” propiedade de Marcelo Arosa Dasilva facíase co terceiro posto da clasificación final con 507 puntos.
O can “Tula” propiedade do campión Carlos Casas Cambón era galardoado como Mellor Can da proba cun total de 160 puntos.
Un xantar de irmandade e a entrega de premios por parte das autoridades alí presentes, entre as que se atopaba o Delegado de Rastro da Federación Galega de Caza, Nicolás Castro González, puxo o punto e final a esta XXIV edición do Campionato Galego de Cans de Rastro sobre Coello.