O pasado sábado celebrábase no salón de actos da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, sita na porta 4 do Estadio Multiusos de San Lázaro, a Asemblea Xeral Ordinaria da Federación Galega de Caza.
Aprobada a acta da asemblea anterior, procedíase, dacordo coa orde do día a repasar as contas anuais correspondentes ao exercicio 2013. O Presidente da FGC, Javier Nogueira, destacou a boa saúde económica da Federación, que se achega paso a paso á auto-financiación. Neste apartado, o dirixente federativo tamén quixo trasladar aos asembleístas o informe da auditoría de contas levada a cabo na Federación este ano, que deu como resultado un informe positivo sen ningunha tacha; unha demostración da excelente e transparente xestión contable levada a cabo na FGC.
Continuando coa orde do día, o Presidente deu un repaso á memoria de actividades de 2013, onde salientaba o bo ratio de cazadores federados que está a manter a Federación. A pesar da caída no número de cazadores nos últimos anos, o número de federados vense mantendo estable, o que redunda nun alto porcentaxe de cazadores federados; un dos niveles máis altos de tódalas federacións autonómicas de España.
Ambas memorias foron aprobadas pola asemblea sen obxección.
Trala aprobación do calendario e a normativa de competicións do 2014, tamén por unanimidade dos presentes, o seguinte punto do día eran as propostas dos Presidentes Provinciais. Neste punto, aprobouse a proposición do Presidente Provincial da Coruña, Manuel Saa, de nomear delegados comarcais na súa provincia, co fin de achegarse máis aínda ao sentir das sociedades.
Tralos informes de Presidencia, onde Nogueira repasaba as actuacións máis salientables da Federación no que vai de ano, como as diversas xuntanzas mantidas coa administración, ou as actividades levadas a cabo –como os cursos de seguridade-, chegábase ao último punto da orde do día.
Nos rogos e preguntas, o tema máis debatido foi o da caza das corzas, onde tódolos presentes coincidían en afirmar que a problemática da situación do corzo non estaba na acción de caza sobre as corzas, senón na crecente presenza do lobo.
Así pois, ás 13.00h remataba unha Asemblea Xeral federativa onde destacaba a unanimidade e o debate construtivo dos asistentes.