Rematada a sinatura dos convenios de colaboración entre a Secretaría Xeral para o Deporte e as Federacións Deportivas Galegas correspondentes ao ano 2014, os presidentes das mesmas vimos de realizar o pasado día 20 unha reunión conxunta para valorar dito proceso.
Nalgúns medios de comunicación informouse de que a cantidade correspondente ás federacións para este ano era de 7.138.149 €uros cando a cifra corresponde á suma das cantidades correspondentes aos exercicios 2014, 2015 e 2016, polo que a imaxe que se da é inexacta. O montante para esta tempada é de 3.400.000 (dos que 400.000 corresponden en exclusiva aos seguros escolares da federación de fútbol) . É evidente que a cifra é inferior ás dos anos anteriores. As federacións galegas tamén están soportando os recortes da administración autonómica, que se veñen producindo ininterrompidamente dende 2009 de xeito que as cifras dos convenios asinados este ano supoñen arredor do 40-60% de redución dos ingresos por esta vía dende ese ano, o que fai incluso que algunhas das federacións non reciban o suficiente para exercer as competencias públicas que a propia administración delega nelas.
Tamén se publicitou un apoio “extra” aos potenciais olímpicos a través da sinatura de convenios trianuais para algunhas federacións olímpicas. A reflexión dos presidentes destas federacións é que a sinatura dos convenios trianuais supón asumir os recortes actuais durante os tres anos seguintes: As cifras recortadas este ano son as “concedidas” tamén para 2015 e 2016 mantendo a continuidade do recorte. En todo caso, o apoio non se reflectiu en ningún incremento de fondos respecto de anos anteriores, senón todo o contrario.
As federacións deportivas galegas somos conscientes do momento que a sociedade está a atravesar e tamén de que se están a a facer recortes en áreas moi sensibles e aínda máis indispensables para a poboación como a educación, a sanidade ou a atención á dependencia. Estamos dispostos a sumir o sacrificio necesario solidariamente con toda a poboación. O que non queremos é que se presuma do apoio amosado ao deporte como se foramos un sector favorecido e que se presente ante a opinión pública un suposto incremento dos fondos destinados ao deporte federado que non se produciu en ningún momento.
A xente do deporte é, por definición, sacrificada, loitadora e solidaria e traballamos de xeito moi desinteresado polo que non queremos que se dea unha imaxe de nós que non se corresponde coa realidade e queremos trasladar á sociedade e aos nosos afiliados cal é a situación pola que estamos a pasar. Sen dramatismos, pero tamén sen falsos triunfalismos.
Os presidentes expresaron a preocupación por non coñecer con detalle o valor dos criterios técnicos deportivos do reparto aplicados pola Secretaría Xeral para o Deporte e que nalgún caso deron lugar a esas reducións de ata o 60% da subvención respecto do ano anterior.
Debido a iso, no día de onte, Xosé Pérez Ouro, presidente da Unión de Federacións Deportivas Galegas (UFEDEGA), xunto aos presidentes de Atletismo (Isidoro Hornillos), Tríatlon (Paco Villanueva), Baloncesto (Paco Martín) e Judo (Mario Muzas), mantiveron unha reunión co secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa na que se abordaron distintos asuntos. Alcanzouse o compromiso por parte da Secretaría de intensificar o diálogo entre a administración autonómica e as federacións e acordouse a necesidade de que a propia Unión de Federacións nomease representantes para formar parte dunha comisión que estudará, xunto coa administración, diferentes modelos de reparto das subvencións baseados na máxima obxectividade e nas singularidades das distintas federacións galegas.
Outro asunto abordado na xuntanza foi a situación actual da modificación do artigo 32.4 da Lei 10/90 do Deporte, en relación coa mal chamada “licenza única” e que debería de se denominar “licenza obrigatoria estatal”, que non supón máis que un intento de que os “problemas financieiros” das federacións deportivas españolas se resolvan pola vía de impoñer a todos os que practican deporte nas autonomías o pago dunha licenza estatal. Así, teranse que afiliar obrigatoriamente –e pagar- ás federacións españolas -aínda que nunca participen en ningún evento de ámbito estatal - os rapaciños e rapaciñas, os atletas amateurs e lúdicos, aqueles que so compiten non ámbito autonómico, etc. De 60 federacións galegas, 59 rexeitan esta medida por pretender mellorar os recursos económicos das federacións españolas pola vía de elevar os custes da licenza federativa e de eliminar a capacidade de xestión das federación autonómicas, que son as que organizan o 90% da actividade nas autonomías. De aprobarse esta modificación da lei 10/90 do Deporte pasarían a ser meras delegacións recadadoras de cotas para as españolas correspondentes.
O Parlamento de Galicia aprobou recentemente unha Proposición Non de Lei que ten como obxecto a protección das competencias que en materia deportiva posúe Galicia e o secretario xeral para o deporte expresou ás federacións o seu apoio ao texto alternativo remitido pola Xunta de Galicia ao Consello Superior de Deportes para tentar solucionar o conflito garantindo as competencias en materia deportiva contempladas no Estatuto de Autonomía e solucionado o conflito que o texto proposto orixina.