Reunión da Xunta Directiva da Federación Galega de Caza
O pasado venres día 30 de agosto, na sede da Federación Galega de Caza en Compostela, ás 17:00 h. en primeira convocatoria, tiña lugar unha reunión da xunta directiva da FGC. A xuntanza perdurou durante todo o serán do venres tomándose acordos de destacada relevancia para a FGC, cazadores e sociedades de caza.
Nun primeiro punto, a xunta directiva deu luz verde á integración da disciplina de agility dentro da estrutura deportiva da FGC. Previamente, o Presidente da Federación, Javier Nogueira, mantiña, na mañá do mesmo venres, unha xuntanza co representante da Federación de Agility en Galicia.
A Xunta Directiva tamén aprobaba a súa propia remodelación, integrándose unha vicesecretaría dentro do organigrama federativo. Neste punto tamén se tomou como o 8 de novembro a data para a celebración da asemblea xeral da FGC.
Como acordo relevante para o cazador, a xunta directiva deu o paso adiante para instalar, a partir do vindeiro 1 de xaneiro do 2014, unha rede única de frecuencias de emisoras para toda Galicia.
No derradeiro punto do día, a Xunta Directiva informa de que en próximas datas, nas diferentes federacións provinciais, terán lugar unhas reunións coas diferentes persoas que adquiriron o cargo de presidente de Sociedades de Caza no pasado ano.