Campionato Provincial de Lugo de Compak Sporting
O pasado 20 de abril, disputábase no Campo de Tiro eventual da Sociedade Deportiva San Nicolás, sito no concello lucense de Portomarín, unha edición máis da fase provincial da modalidade de compak sporting organizado pola Federación Galega de Caza en Lugo coa colaboración de dita Sociedade Deportiva.
A proba disputouse a un total de 50 pratos aos que se tiveron que enfrontar os participantes inscritos, sendo xulgados polo árbitro Leonardo García Otero.
Na xeral absoluta, o campión foi o tirador chegado da provincia de A Coruña, Ángel Ramón Vidal Quintela con 40 pratos escachados. Co mesmo número de pratos, o pontevedrés Francisco Javier Rivera Martínez acaba o subcampionato, namentres que o terceiro posto era para o lucense Mario González Yáñez, que con tamén 40 pratos se convertía deste xeito no Campión Provincial desta edición.
Na categoría de veteranos o campión provincial era José María González Rodríguez.
Os tiradores Mario González Yáñez, José María González Rodríguez, Vicente Insua López, Marcos Vázquez Cabado, Miguel López Iglesias e Antonio Rodríguez Gandoy compoñen a selección que representará a provincia de Lugo no vindeiro Campionato Galego da modalidade.