Campionato Provincial de Pontevedra de Cans de Rastro sobre coello modalidade Cara de Can
O pasado sábado 15 de setembro tivo lugar o Campionato Provincial de Pontevedra de Rastro de Coello modalidade Cara de Can disputado nos Tecores de “A Laxe” e “San Bartolomé de Xesta”, organizado pola Federación Galega de Caza en Pontevedra e contando coa colaboración de ditas Sociedades de Caza.
A proba acudiron un total de 9 participantes con cada respectivo can e sendo xulgados polos xuíces Juan Ángel Alonso Pérez e Roberto Carlos Costa Tellado.
Transcorridos os turnos de participación, o xurado de competición deu a coñecer a clasificación final. Foi o podenco de nome “Chico” propiedade de Manuel Boullosa Amoedo o que se impuxo como primeiro clasificado. Seguiuno en segunda posición o podenco de nome “Choni” de José Vilan Loira. Jesús Rodríguez López co podenco “Capitán” tívose que conformar coa terceira posición da proba.
Un xantar de irmandade e a entrega de premios a que asistiron os presidentes das Sociedades de Caza A Laxe e San Bartolomé de Xesta, Francisco Domínguez e Francisco Couselo, respectivamente, xunto co presidente provincial da FGC, Juan Ángel Alonso e o presidente da Federación Galega de Caza, Javier Nogueira, puxo o punto e final a este campionato.