A organización de Periodipesca, o Congreso Internacional de Caza, Pesca, Natureza e Turismo Rural e de Aventura, escolleu este ano a localidade de Pantón como anfitrioa.
Ao longo dos últimos 20 anos este evento reuniu en distintas localidades, comarcas e provincias a profesionais e expertos para debater os principais problemas que existen dentro das actividades e deportes nos que se desenvolven, ao tempo que lles servía como pretexto para promocionar o turismo da zona onde se celebraba, dando a coñecer as súas riquezas tanto culturais como naturais.
Baixo o lema “Pantón, terra de fogóns, viño e singular natureza”, esta vixésima edición terá lugar entre o 28 de abril e o 1 de maio e contará cun variado programa de actividades, especialmente destacado este ano por tratarse do seu particular vinte cumpreanos, con actividades como un Campionato Internacional de Pesca, Degustación de produtos da terra e do mar, catas de viños galegos e portugueses, Rutas do Románico e outras moitas.
Tamén haberá espazo para os agradecementos a distintas autoridades, profesionais, empresas e organizacións, entre as que se atopa a Federación Galega de Caza, recoñecida polo seu apoio incondicional a este evento durante os seus 20 anos de historia.