A organización da Feira de Cans de Caza de Vila de Cruces, que alcanza este ano a sua sexta edición, presentou o programa da feira nun evento no que estivo presente a FGC.
O Concello pontevedrés de Vila de Cruces acollerá un ano máis a sua Feira de Cans de Caza, os vindeiros días 16 e 17 de abril, coincidindo co mercado de oportunidades da localidade, e que se prevé conte con máis de mil cans de caza de todo tipo de razas.
A feira foi presentada a pasada semana nun evento ao que acudiu o Presidente da FGC en Pontevedra, Francisco Couselo, e tamén o Secretario Xeral, Juan Ángel Alonso. Couselo destacou a importancia desta feira dentro do calendario galego así como a grande cantidade de actividades dentro da feira, entre as que destacan o Campionato Provincial de Pontevedra de Rastro de Xabaril, que terá lugar o sábado 16.
O Presidente Provincial tamén destacou que este é un acto onde os concellos e as súas bisbarras danse a coñecer ao resto de Galicia, recoñecendo que el mesmo coñeceu Vila de Cruces grazas a unha das anteriores edicións desta feira.
Ante a cancelación doutras citas importantes como as de Arzúa e A Baña, a feira de Vila de Cruces cobrará este ano unha especial relevancia, polo que a organización pretende estar á altura cunha ampla gama de actividades que se centrarán no domingo 17, con varios premios e recoñecementos aos mellores cans e diversas exhibicións, entre as que destacada a de tiro con arco, a cargo da Sociedade Cazarco, presente tamén no acto na figura do seu Presidente, Jaime Villaverde Balado.