O pasado xoves 31 de marzo celebrábase en Vigo, no Centro Cultural Novacaixagalicia, a Gran Gala do Deporte de Vigo e a súa comarca, que cada ano recoñece aos deportistas máis destacados desta comarca pontevedresa.
Un dos cazadores galegos con mellor palmarés nos últimos anos, o nigranés Víctor Villar Fernández –campión do mundo de San Huberto na categoría Springer Spaniels- foi candidato ao título ao mellor deportista de 2010 nesta gala, onde finalmente resultaron premiados o judoka Miguel Romero e a taekwondista Andrea Rica.
Con esta candidatura, Villar Fernández suma un recoñecemento máis na excelente traxectoria deportiva que leva encamiñada nos últimos anos, con títulos a nivel autonómico, nacional e internacional.
A Federación Galega de Caza quixo estar presente nesta gala, mediante o seu Presidente, Javier Nogueira e o Presidente Provincial de Pontevedra, Francisco Couselo, amosando unha vez máis o seu total apoio aos deportistas cinexéticos que ano a ano amosan o seu altísimo nivel, acadando cada vez maior presenza neste tipo de eventos xunto con outros deportes de maior relevancia mediática.