Unha vez máis, e xa van sete, máis de 200 persoas entre cazadores, técnicos, axentes medioambientais e representantes da administración, participaron o pasado sábado día 5 en Portas na Xornada de Xestión Cinexética e Medio Ambiente que, organizada pola Sociedade de Caza de Portas e a Federación Galega de Caza, contaba este ano coa colaboración do GDR-20.
O contido das poñencias resultou, unha vez máis, moi enriquecedor e interesante a xuízo dos asistentes.
En primeiro lugar Paulo Celio Alves do CIBIO/UP de Porto, home de grande prestixio internacional no que a aspectos relacionados coa xenética se refire, expuxo o seus coñecementos científicos resaltando a grande importancia das características xenéticas dos coellos que son únicas e adquiridas durante milleiros de anos. Puxo especial énfases no perigo que conleva a cada vez máis estendida hibridación co coello doméstico de cara a múltiples repoboacións xa que isto leva aparellado a perda das características xenéticas autóctonas así como a súa rusticidade e comportamento salvaxe.
A continuación José Luis Garrido, director de FEDENCA, expuxo o estudo de “Métodos Genéticos para determinar la hibridación e la Perdiz Roja”.
A día de hoxe segundo os datos oficiais críanse en explotacións comerciais con destino a soltas no medio máis de 4,5 millóns de perdices ao ano en España. Este dato é máis que suficiente para explicar a necesidade deste proxecto que xa está finalizado e que permitirá determinar cientificamente o grado de hibridación destes animais. Os criadores empregan habitualmente este tipo de exemplares dadas as grandes facilidades que amosan para a cría en cautividade sen ter moito en conta a súa inadaptación e a contaminación que provocan na poboación autóctona.
Tras o café de media mañá foi o turno de Vicente Piorno, da Consellería do Medio Rural, quen expuxo un dos últimos traballos levados a cabo en Galicia sobre o coello que non é outro que a elaboración do “Mapa Xenético do Coello de Monte en Galicia”.
O estudo pon de manifesto as características propias dos coellos galegos respecto aos do resto da península. Tamén se confirma a presenza de moitos híbridos de doméstico nos nosos montes debido á solta masiva e xeneralizada destes animais criados en granxas dentro da nosa Comunidade, que segundo algúns datos podería sobrepasar anualmente os 200.000 exemplares liberados nos montes galegos. Asemade, demostrouse que os animais traídos de fora de Galicia nin sequera chegan a incidir na estrutura xenéticas das nosas poboacións, poñendo de manifesto a sua nula adaptación ao medio galego.
Como consecuencia do estudo considérase imprescindible protexer o patrimonio xenético do coello de monte galego, descartando a cría en gaiola de animais híbridos con fins de repoboación, ao igual que fomentar un modelo alternativo de cría con garantías xenéticas e sanitarias para poñer en práctica un mellor modelo de xestión das poboacións en colaboración cos cazadores.
A derradeira intervención correu a cargo de Tomás Merchán da Universidade de Extremadura que fixo un percorrido pola situación actual das dúas enfermidades máis comúns e que máis baixas causan ás poboacións: a Mixomatose e a Hemorraxia Vírica.
A primeira destas enfermidades parece ser que presenta cada vez menos incidencia podendo incluso atopar xa poboacións resistentes ou con baixa mortalidade. En canto á hemorraxia vírica, demostrouse que o virus pode diseminarse a través da multitude de elementos incluso por excrementos de cans que inxeriran un coello enfermo.
A parte esperanzadora dos estudos de Merchán amosa a presenza de formas víricas non patóxenas en poboacións de Australia e Italia, o que podería inducirnos a pensar que isto é o mesmo que podería estar a pasar nas poboacións peninsulares de alta densidade onde se detectan prevalencias elevadas de anticorpos. Os estudos apuntan que o 10,3% dos animais examinados presentaban simultaneamente virus e anticorpos sen ningún síntoma de enfermidade.
Antes da clausura da Xornada por parte das autoridades tivo lugar unha moi participativa mesa de debate onde os asistentes amosaron aos poñentes e ao representante da administración as súas inquedanzas acerca de temas tan diversos como: o control de predadores, a vacina recombinante, o cambio de datas na temporada de caza do coello en Galicia, as novas tecnoloxías en xestión cinexética, a necesaria regulación e control das granxas cinexéticas, a necesidade de crear centros de referencia xenética do coello de monte galego, a solta indiscriminada de coellos híbridos algunha inquedanza máis que foron debidamente respostadas polos integrantes da mesa.
De todo o alí exposto tomouse boa nota para que sirva de folla de ruta á hora de futuras iniciativas e normativas para intentar mellorar as poboacións de coello de monte.
Ante a grande expectación que levantou esta nova edición da Xornada de Xestión de Portas, e que amosa a grande inquedanza e o dinamismo que manifesta o colectivo de cazadores galegos, os organizadores xa están barallando posibilidades de cara a Portas 2011.