A VI Feira de Caza, Pesca e Natureza, Fecap Abanca 2019, a cal se celebrará do 6 ao 9 de xuño na Feira Internacional de Galicia ABANCA, aumentará nesta edición o seu número de actividades, incluíndo interesantes novidades.
Así, en canto a caza, os visitantes poderán ver diversas exhibicións, en moitas das cales tamén poderán participar. Entre elas estarán as didácticas sobre tiro con arco e de solta de codornices e coellos nun biotopo, ademais de probas oficias da Liga Autonómica de Agility e o Open Agility Abanca Semana Verde, todas elas organizadas pola Federación Galega de Caza.
Tamén de man desta entidade haberá mostras, como a Exposición de Cans de Caza, na que participarán entorno a 150 exemplares de toda Galicia, e talleres didácticos, como os de divulgación e coñecemento do noso entorno máis próximo, os cales versarán sobre a cadea alimentaria e a importancia de cada ser vivo no medio natural, rastros e pegadas e tamén ovos e plumas. Ademais, levaranse a cabo actividades de cetrería, como as de interacción cunha águila de Harris que realiza a soldado da Brilat Nuria Gallego,
Sumaranse a elas un curso de xuíces de agility, impartido por José Miguel Agustín e Jmi Roa, actividades desta modalidade dirixidas a nenos e varias xornadas técnicas. Unha delas será sobre estándares de traballo con cans de mostra e contará coa participación de varios xuíces internacionais. Así, Antonio Aguilar falará do Epagneul Bretón; Antonio González do Pointer e Antonio Somoza do Setter Inglés. A outra centrarase en nocións sobre armas e municións para a caza e estará impartida por Michel Coya, experto en armas e cartuchería e colaborador especializado habitual de prensa e televisión.
Tamén haberá unha gran galería de tiro dixital co simulador “Sim Way Hunt”, un sistema virtual para aprender a adestrar o tiro sobre obxectivos en movemento.
Por outra banda, por primeira vez na feira, celebrarase o Campionato Provincial de Pontevedra de Percorridos de Caza con Arco, que vai pola súa décimo primeira edición, entregándose tamén os premios desta competición no marco do certame. Ademais, levarase a cabo a comida e entrega de premios do XVII Campionato Provincial de Pontevedra de Rastro de Xabaríl a Trailla, o cal se desenvolverá en Silleda o 8 de xuño e será puntuable para a Copa de Galicia.
Pesca e natureza
Respecto ás actividades relacionadas coa pesca, a Federación Galega de Pesca realizará numerosos talleres a cargo de recoñecidos profesionais, como o de montaxe de moscas para troita, de man de Álex Puente e Vila; para auga doce, que impartirá Pedro Bolaño, campión galego de Auga Doce 2018; e para salmón, a cargo de Paco Porto e José Vinuesa. Tamén os haberá de montaxe de afogadas, de man de Rafael de la Iglesia, e de poteras artesanais con “Los peces de Javi”, ademais dos centrados na fabricación de “peixiños”, por parte de Quique Veiga. Ademais, realizarase unha mostra de lanzado de pesca.
Pola súa banda a Dirección Xeral de Patrimonio Natural organizará gran diversidade de obradoiros para escolares con distinta temática, baixo os títulos “Terra incógnita: coñece o teu patrimonio natural”, “Plis plas e reutiliza máis”, “Ilustrando a natureza”, “Soña o teu parque natural”, “Cestas-macetas con papel reciclado” e tamén “Trucos para educar ao teu can”, o cal estará dirixido por Tito Villazala, adestrador canino e divulgador destes animais a través de programas de radio e televisión. Así mesmo, desenvolverase o Gran Xogo da Rede Natura e o concurso familiar “Naturézate”
Para a organización deste completo programa a feira Fecap Abanca, a única coa súa temática na Comunidade, conta coa participación de numerosas entidades e colectivos, como son a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, Federación Galega de Caza, Sociedade Canina Galega, Federación Galega de Pesca, Sociedade Deportiva de Caza, Pesca e Tiro de Silleda e Aproca.