O binómio home-lobo existe dende o principio dos tempos, plagado de desencontros e conflictos, aos que ámbolos-dous sobreviviron, e mesmo case se produce un achegamento ao descubrir o home, en tempos ancestrais, que asociándose co lobo cazaba máis e mellor.
Coa súa domesticación, non esquezamos que os cans son descendientes directos do lobo, producíronse os maiores desencontros. O lobo doméstico, o can, axudaba ao home nas súas tarefas de caza, mentres que o lobo salvaxe competía polas mesmas pezas. Ese antagonismo fóise agrandando ao volverse o home sedentario, gandeiro e agricultor, xa que non só competian polas pezas salvaxes, senón que o lobo facíase tamén predador dos animais domésticos sendo un lastre para a súa economía.
Co paso do tempo os conflictos non van a menos, ao contrario, son maiores, e na era da comunicación na que vivimos, máis coñecidos pola sociedade. Hai algúns aspectos como os referidos á alimentación e ó territorio que merecen algún comentario para poder entender a situación actual.
Nos derradeiros anos, como consecuencia da extensión do “mal das vacas locas”, tódalas reses que morren nas explotacións gandeiras galegas son retiradas para a súa destrucción. Eses milleiros de animais, antes podrecían nos nosos montes, sendo unha proteina moi asequible para os carnívoros salvaxes. Agora, ao non existir esa carne tan accesible, que formaba parte preferente da súa alimentación -na natureza tamén se cumpre a lei do mínimo esforzo-, o alimento deben buscalo entre animais vivos, salvaxes ou domésticos, e pola mesma lei, en liñas xerais, o animal doméstico é máis accesible que o silvestre. Esta é unha das razóns fundamentais do aumento dos ataques ás ganderías nos últimos anos.
Galicia é unha terra moi humanizada e cun territorio absolutamente antropizado no que o lobo como animal xeneralista adáptase á perfección. Pero hai un feito recente a ter en conta: os cambios de usos da terra tanto nos cultivos agrícolas como nos forestais. As zoas lobeiras coñecidas ata fai uns anos, xeralmente boscosas e de montaña, agora mesmo introdúcense e confúndense coas da gandería, sen existiren fronteiras naturais aparentes para o lobo. Por iso a súa presencia xa non é exclusiva desas comarcas tradicionalmente lobeiras. Consecuentemente cabe preguntarse se o lobo poderá seguir colonizando determinados territorios debido á súa configuración agrícola, gandeira e poboacional, porque a conflictividade que xera a súa presencia e a súa actividade parece inasumible por esas poboacións cos seus lexítimos intereses. Existen dúbidas razoables sobre si a existencia do lobo en moitos territorios, é unha extensión indefinida do mesmo, poden non beneficiar á especie e moito menos aos gandeiros.
Si partimos da base de que o lobo forma parte do noso patrimonio natural, e queremos garantir a súa existencia futura, débese de manter unha poboación de lobos que aseguren a súa supervivencia como especie, pero que á súa vez non faga imposible a gandería como actividade necesaria –tal vez imprescindible- en Galicia. Como case todo na natureza, esto conséguese buscando equilibrios, inestables, pero equilibrios ao fin e ao cabo.
Así é fundamental que as medidas preventivas se desenrolen polo menos en dúas vertentes, por un lado regulando as poboacións e por outro aquelas que minoren ou eviten os ataques á cabana gandeira. Por tanto fáise imprescindible busca la eficacia na reducción dos ataques en determinadas zoas gandeiras. É fundamental a colaboración dos cazadores cos gandeiros e coa administración para extraer mediante a súa caza os exemplares necesarios, para así regular a densidade da especie que estimen os técnicos encargados pola propia administración desta tarefa. Paralelamente débese divulgar, estender e fomentar o uso de medidas preventivas tendentes a que, aínda coa presencia de lobos, os ataque ó gando sexan moito menores.
De todos os xeitos, o lobo sempre producirá ataques ao gando, e esas consecuencias económicas deberán ser sufragadas polo conxunto da sociedade, non por os gandeiros que os sofren. Nos últimos anos vense avanzando nesta liña, e a Administración habilitou axudas para os propietarios do gando que sufriron quebrantos. As axudas deberían tender a solucións cada vez máis xustas e dilixentes para eles, unha vez comprobada a certeza do ataque.
O futuro do lobo na nosa terra pasa por ter garantías de que non vai compromete la existencia da transcendental figura económica, social e medioambiental do gandeiro, todo elo sen exercer tampouco unha presión extrema que extinga a especie, sendo tarefa de todos encontrar ese punto de convivencia viable entre o gandeiro e o lobo.
José María Gómez Cortón
Presidente da Federación Galega de Caza |