Volver ao inicio
Inicio Calendario Buscar Contacto

Novas
Imprimir
DANOS XABARIL
Medio Rural aumentou o orzamento das axudas para paliar os danos producidos polo xabaril en cultivos agrícolas
23/8/2010

Como fai tódolos anos, a Consellería do Medio Rural publicou o 19 de abril no Diario Oficial de Galicia a orde reguladora das axudas para compensación a favor dos afectados polos danos causados por xabaril nos seus cultivos agrícolas. Os beneficiarios poden ser todos aqueles agricultores profesionais, entendendo como aquela persoa física titular dunha explotación agraria, gandeira ou forestal, e as sociedades agrarias de transformación (SAT), así como cooperativas de explotación comunitarias de terras.

Canto ao importe das axudas, calcúlase segundo a valoración dos cultivos danados, establecendo como importe máximo, por ano e beneficiario, a contía de 1.500 euros. Estas axudas son incompatibles coas que se soliciten polos mesmos feitos en parques naturais dependentes da Administración autonómica; así como coas cantidades percibidas en concepto de indemnización polos mesmos danos derivados dun expediente de responsabilidade patrimonial.

As axudas comprenden os danos producidos polo xabaril nos cultivos agrícolas dende o 1 de outubro de 2009 ata o 30 de setembro de 2010. O prazo para formalizar as solicitudes remata o 15 de outubro de 2010, polo que aqueles titulares de explotacións que as vexan damnificadas aínda entran en prazo para a correspondente solicitude. Os titulares destes cultivos deberán comunicar os incidentes á Consellería do Medio Rural nun prazo máximo de sete días dende a produción do dano. Os afectados poderán facelo a través do teléfono do 012 ou mediante o servizo de denuncia por Internet en https://www.xunta.es:444/caza/.

Asemade, Medio Rural quere puntualizar que a Administración non é directamente responsable de pagar os danos provocados por estes animais, agás nos terreos da súa propiedade –nos que existan figuras de protección que non permiten a caza– ou nos terreos de aproveitamento cinexético común.

Orzamentos
No ano 2006 dedicáronse a este fin, nos orzamentos da entón Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, un total de 100.000 euros; no 2007, a cantidade foi de 60.000 euros; no 2008, de 120.000 euros; no 2009 de 124.300 euros e para o presente exercicio a contía que figura nos ornamentos da Consellería do Medio Rural é de 250.000 euros, é dicir, a mais elevada, con diferenza, desde o inicio destas axudas. Trátase asemade dunha cantidade orzamentaria inicial, que pode ampliarse segundo as necesidades. Medio Rural está a tramitar os expedientes de axuda –como fai todos os anos– e os beneficiarios cobrarán a axuda que lles corresponda segundo a normativa vixente.

Fonte: Consellería do Medio Rural

 

 
Ver máis novas de
Competicións Federación Eventos Lexislación Medio Rural / Forestal
 
Máis novas nesta categoría


Federación Galega de Caza  
Estadio Vero Boquete de San Lázaro, Porta 12 - 15707 Santiago de Compostela (A Coruña)  
Tlf: 981 562 777 / Fax: 981 562 779 / federacion @ federaciongalegadecaza.com 
Aviso legal | Política de privacidade | RSS | Mapa da web         © Federación Galega de Caza