O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, visitou o pasado venres as dependencias do Centro Cinexético de Mouriscade e a granxa de cría de perdices situada nesa mesma granxa. Na visita estivo acompañado polo director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García-Borregón; polo xefe territorial da Consellería, Gerardo Zugasti Enriquez; polo alcalde de Lalín, Xosé Crespo Iglesias; e polo presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán.
A visita comezou cunha breve explicación por parte da xefa de servizo da Finca Mouriscade, María Hermida, sobre os datos actuais do laboratorio para logo facer un breve percorrido polas súas instalacións. Seguidamente, as autoridades trasladáronse ao entorno da Casa da Finca para seguir polas instalacións da Granxa Gandeira. Por último, visitaron o albergue e a área de fins sociais que contén un club hípico, unha área recreativa e un centro de diminuídos psíquicos.
Centro Cinexético
Na Finca de Mouriscade existen catro áreas de traballo repartidas en 44 hectáreas. O laboratorio para alimentación animal, creado no ano 1990 pola Deputación Provincial de Pontevedra, realiza diversas actuacións encamiñadas ao análise de potabilidade de augas, forraxes, pensos e materias primas.
A área de explotación gandeira desenvolve un programa de mellora xenética para os gandeiros da provincia de Pontevedra. Este programa está coordinado dentro do Programa de Mellora Gandeira da Consellería do Medio Rural, que aporta embrións de alto mérito xenético e asistencia técnica mediante convenio coa Federación Frisona Galega (Fefriga).
Granxa de perdices
Medio Rural conta cunha granxa de cría de perdiz na Finca Mouriscade que se centra no programa de recuperación das poboacións desta ave autóctona en Galicia mediante a obtención de reprodutores xenéticamente puros para subministrar perdiz autóctona, rústica e resistente, capaz de rexenerar poboacións silvestres aos TECORES que están realizando medidas de fomento das súas poboacións.
Fonte: Consellería do Medio Rural