A Consellería do Medio Rural publica hoxe, 9 de decembro no DOG, a orde do 30 de novembro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo, e se convocan para o ano 2010.
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas a favor dos gandeiros afectados polos ataques do lobo ás reses das súas explotacións, coa finalidade de compensalos polos danos ocasionados no seu gando, e proceder á súa convocatoria para o ano 2010. Estas axudas tramitaranse en réxime de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non-discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos. Así mesmo, resultarán de aplicación os preceptos básicos da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Poderanse acoller a estas axudas os propietarios de gando afectado por ataques de lobos dentro da comunidade autónoma. O gando deberá pertencer a unha explotación incluída no rexistro xeral de Explotacións Gandeiras de Galicia, estar identificado e saneado de acordo coa normativa aplicable para o efecto, agás no caso do gando cabalar, que soamente deberá estar identificado individualmente.
As axudas a que se refire esta orde comprenden os danos producidos polo lobo desde o 1 de outubro de 2009 ata o 30 de setembro de 2010.