Queridos compañeiros,
Este domingo os cazadores galegos e os de tódolos recunchos de España enfrontámonos a unha xornada moi importante. Este 20M xuntarémonos con tódolos membros do rural para defender os nosos dereitos ante os constantes ataques ás nosas tradicións, ás nosas afeccións, á nosa vida. Defender os dereitos e intereses dos cazadores é o principal motivo da existencia desta Federación, e polo tanto consideramos necesario facer un importante esforzo para que todos aqueles que así o decidíchedes teñades máis sinxelo estar este domingo en Madrid.
Tristemente, por motivos persoais relacionados coa saúde, eu non poderei acompañarvos nesta importante xornada, pero sei que me sentirei representado polos milleiros de vós que si estaredes alí, no meu nome e no de tódolos cazadores galegos que tampouco estarán, pero que desexan coma vos que a nosa actividade sexa defendida e respectada como se merece. Seguirei esta manifestación dende a distancia pero atento en todo momento a todo canto suceda, e estou seguro de que lle amosaredes a todo o país o compañeirismo, o respecto e a empatía que son marcas de identidade do noso colectivo, para que deixen de xulgarnos e atacarnos.
Douvos o meu sincero agradecemento por estar aí o domingo e deséxovos que pasedes unha memorable xornada cos vosos compañeiros, como se fose un domingo de caza máis.
Unha forte aperta,
Javier Nogueira Diz
Presidente da Federación Galega de Caza